Caídas que axudan a camiñar de novo

Óscar Rey

CARBALLO

ANA GARCÍA

En primeira persoa | Escribe Óscar Rey, docente e autor | Atopando o noso sitio, podemos alcanzar as nosas metas

01 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacín no barrio obreiro da Sicar en Cee no ano 1980, cando o naval galego latexaba forte na Costa da Morte. Dende moi novo, trasladeime a Corme, onde crecín e considero o meu pobo porque alí respirei a miña infancia e madurez. Vivo en Fisterra, vila que me acolleu dende hai máis de 17 anos e na que resido coa miña familia. Traballo como profesor de Secundaria, especialidade de Sistemas e Aplicacións Informáticas no instituto Maximino Romero de Lema, en Baio.

Vivir a infancia nun pobo coma Corme nos anos 80 e ter estudado no colexio As Forcadas, foi marcando o camiño dun rapaz inquedo, con gañas de aportar cousas á sociedade. Débolle moito a todos os mestres que pasaron pola miña vida, porque nunca aceptaron que me rendese, a pesares de non ser un alumno exemplar na EXB. Entrei en política moi novo, demasiado, e estiven vinculado á asociación de veciños de Corme co histórico cormelán Xosé Manuel Ferreiro Chans, ó que lle debo a capacidade para dialogar e resolver conflitos, tan necesario no mundo educativo. Foi nesta época onde comecei a impartir cursos á veciñanza. Probablemente, aquí adquirín a miña vocación docente.

Estudos

A finais dos 90, marcho para Santiago, onde comezo Psicoloxía. Sempre lle conto esta experiencia errada ó alumnado e dígolles: «Non hai fracaso, só temos que buscar o noso lugar». Estudo FP en Ponteceso e Carballo, atópome con grandes profesores que me apoiaron e animaron a volver á Universidade. Collín as maletas cara Ourense e saíu todo ben, porque xa tiña claro o que quería na vida: ser informático e docente. Volto a Corme, paso uns anos na política local, cos meus atinos e erros (pido perdón por eles) e, finalmente chego ó mundo do ensino público. Comezo formando a persoas desempregadas, no Fórum de Carballo. Sempre estarei agradecido a todas as persoas que me atopei alí porque grazas a elas puiden comprobar o verdadeiro poder da educación: cambiar a vida das persoas.

ANA GARCÍA

Oposito por primeira vez en Pontevedra no verán de 2016. Consigo pasar todas as probas, pero sen praza. O premio daquel esforzo foi entrar a facer substitucións, e a primeira lévame a Teis. Un barrio obreiro naval que me traslada á miña infancia, con esa imaxe matutina dende a pensión onde residín. Alí botei sete meses. Pasar por Vigo achegoume a grandes profesionais dos que puiden aprender moito e afrontar con máis forza a nova oposición. En 2017 volto a opositar e consigo a praza. Quedan atrás dous anos duros, de moito esforzo e apoio familiar (xa tiña comigo ós meus xemelgos Antón e Brais). Chego a Baio para facer as prácticas no instituto Maximino Romero de Lema.

FP Básica

Deste primeiro ano, destaco o meu paso pola FP Básica, da que son un firme defensor. Os alumnos desta promoción están a estudar hoxe un ciclo superior ou incluso algún acabou indo á Universidade. Cando falo da FP teño a grande sorte de poder facelo como profe pero, tamén como alumno. Ter sido docente na FP Básica ensinoume a ver que non todos aprendemos igual pero que, atopando o noso sitio, podemos alcanzar as nosas metas. Non son palabras, é a realidade para calquera persoa que poña esforzo enriba da mesa. Para min é moi importante que, cando entres nunha aula, non deixes de crer no teu alumnado.

Cada un ten o seu ritmo e sitio pero, eu non creo no fracaso escolar. Si creo nas caídas que nos axudan a camiñar de novo porque o vivín en primeira persoa. Hai que chorar o xusto e investir máis tempo na remontada. Estou na educación por vocación. O IES de Baio, non só é un sitio estupendo para ser alumno, é un sitio perfecto para crecer profesionalmente. Aquí podo traballar por proxectos, investigar e seguir aportando cousas para a aula.

ANA GARCÍA

Neste centro atopeime hai tres anos con Fina Paulos Lareo, unha gran persoa coa que traballo moi a gusto porque está disposta a sacrificar o seu tempo para mellorar a educación pública. Por iso, e ante os retos que nos presentou a IA ós docentes, decidimos dar un paso á fronte e traballar en dúas publicacións Intelixencia Artificial para a sociedade, de Medulia, e Inteligencia Artificial en el aula, de Garceta. Dúas ferramentas que fornecen ó profesorado de recursos, para poder afrontar mellor esta transformación metodolóxica que chegou para quedarse. Con Fina, percorro España, para axudar a outros compañeiros a traballar coa IA. E creo que non o debemos facer mal porque non paran de chegar propostas formativas. «Non hai arma máis poderosa para cambiar o mundo que a educación» pero, isto acontece cando os docentes somos auténticos militantes dela e recibimos o apoio pleno das familias, chave indispensable para que todo funcione e teña sentido.

A educación precisa de grandes docentes pero, a sociedade debe saber valorar mellor a educación pública, que as veces pende dun fío.

DNI: Óscar Rey Calo

Nacido en 1980 en Cee, pasou boa parte da súa vida en Corme. Precisamente no municipio de Ponteceso desenvolveu unha destacada actividade social e política que comezou apenas coa maioría da idade na asociación veciñal Eduardo Pondal. Tiña só 19 anos cando foi concelleiro polo BNG. Substituía a Alfonso Varela, que deixaba o seu cargo un ano despois de ser elixido por causas laborais. No 2003 foi candidato pola formación centrista, e despois, no 2011, pasou ao PP, co que foi primeiro tenente de alcalde. Despois de estar uns anos na oposición volveu a presentarse ás eleccións co mesmo partido, pero dimitiu no 2019. Volveu á política municipal no 2023 formando parte da lista electoral do Partido Galego, que lidera Juan Ramón Vidal. No profesional é docente no instituto Maximino Romero de Lema, en Baio. Reside en Fisterra.