Violencia

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

CAPTURA DE VÍDEO

Contaba unha ocasión Cándido Fuentes, un veciño de Baio, que no seu día xogou ao fútbol alá polos anos 50 ou 60, que estando no campo de A Ponte do Porto, un compañeiro púxose a rezar antes dun partido. El, estrañado, díxolle: «Anda, ho!, tampouco fai falta rezar. Está ben gañar, pero non é para tanto». E vai o outro e respondeulle: «Non rezo para gañar, rezo para que non nos peguen». Eran tempos nos que un partido podía acabar nunha batalla campal. Así que non sería a primeira vez que os corresen a pedradas. Son míticas as lendas de afeccionados correndo a golpes de paraugas a xogadores e contrincantes. Hai uns anos, contábanse estas anécdotas nos bares e conversas de café na Costa da Morte. Acontecementos que xa pensabamos que pasaran á historia. Non entanto, e como vemos noutros eidos da vida social e política, un ten a sensación de que estamos percorrendo o camiño cara atrás en moitos comportamentos, onde a ética, a cultura, a tolerancia, o respecto e o espírito olímpico cotizan á baixa, cando non están en franco retroceso e as actitudes violentas, racistas, machistas, xenófobas ou homófobas están á orde do día. Un exemplo viuse a pasada fin de semana no partido de Cances, entre membros do equipo local e os do Deportivo Lima. Houbo una pelexa entre xogadores e algún afeccionado. E con rapaces vendo o lamentable espectáculo, como unha lección nefasta que nunca deberían aprender. A sociedade organizadora do campionato expulsou aos dous equipos da competición. E fixo ben. O deporte é para gozar a vida, non é violencia. Un debe saber elixir en que equipo vai xogar: o da alegría ou o da tristeza.