Bordado, baile, teatro e feira nun só domingo na Costa da Morte

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

A este 19 de xaneiro non lle faltan propostas, aínda que con máis moderación que en semanas pasadas

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Domingo 19 de xaneiro, e malia non ser o ritmo de xornadas pasadas de Nadal, tampouco faltará hoxe a onde acudir. Carballo ofrece dúas das propostas, unha delas ben singular, un taller de bordado impartido pola artista local Isa Bermúdez no coworking Laboratorio de Movidas —rúa do Sol, 46—. «A creatividade é algo que se practica», trasladaban o día no que se daba conta da iniciativa, para a que é preciso terse inscrito antes. Os anotados han de achegarse ás 11.00 horas.

Tamén na capital de Bergantiños, por outra banda, será a de hoxe unha tarde de baile no mercado, promovida de novo dende a área de Terceira Idade e amenizada polo dúo Élite: entre as 18.00 e as 21.00.

Terceiro domingo de mes, será por tanto domingo de feira en Baio, e domingo de teatro en Cerceda. O auditorio municipal acollerá ás 12.00 horas a función Lila Star, a cargo da compañía Sin Triz, destinada a público familiar. Chega este espectáculo a través da rede do programa DinamizARTj.