Máis dun cento de rapaces concorren ao vixésimo certame Contos de Nadal

M. López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Nenos de sete centros educativos participan no concurso organizado por La Voz e Radio Voz

03 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A sorte, como soe dicirse, xa está botada, e o certame literario Contos de Nadal, promovido anualmente por La Voz e Radio Voz, agarda polo seu vixésimo vencedor. Será un dos 104 rapaces que ao longo das últimas semanas remitiron as súas creacións dende centros educativos da Costa da Morte como o CEIP San Vicenzo de Vimianzo, o CEIP Canosa-Rus de Carballo, o CPI As Revoltas de Cabana, o CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, o CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, o CEIP Labarta Pose de Baio e o CEIP Gándara-Sofán, tamén de Carballo.

Nos vindeiros días un xurado composto por representantes deste medio, mestres ou persoeiros vinculados co mundo das letras será o encargado de avaliar os contos e de elixir aos dez finalistas baseándose en criterios como a orixinalidade, a redacción, a calidade literaria ou a proximidade temática co Nadal. Era este último un dos requisitos fundamentais que debían ter en conta os pícaros á hora de elaborar as súas historias: debían gardar relación con esta época festiva ou cos elementos que a caracterizan, ademais de estaren redactados en galego e non superar os 1.500 caracteres.

E así foi. Entre o cento de contos que concorren ao certame hai todo un alarde de creatividade e mesmo referencias a asuntos que este ano estiveron moi de actualidade, como a seca ou os conflitos bélicos. Solidariedade, dificultades económicas ou a presenza de refuxiados ucraínos nesta comarca son outras das temáticas abordadas polos participantes.

En escasos días farase público o nome do rapaz vencedor desta vixésima edición do concurso, que se sumará a unha longa listaxe de gañadores integrada por estudantes de colexios como o de Bormoio-Agualada, Bergantiños, As Forcadas, Canosa-Rus, Vilarmide, Manuela Rial, Mar de Fóra, Joaquín Rodríguez Otero ou Labarta Pose. Como xa é costume, a organización entregaralle un agasallo aos tres primeiros clasificados, xunto cun diploma acreditativo que tamén percibirán os restantes sete finalistas.

Paralelamente, La Voz publicará nestas páxinas de forma íntegra as dez historias máis valoradas polo xurado. Será con anterioridade a un acto de entrega de galardóns cuxa data e localización aínda non transcendeu, pero no que non faltarán nin música nin animación, como é tradición.