Neóns

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

A Revolta, por fuera
A Revolta, por fuera ANA GARCIA

15 ago 2023 . Actualizado a las 12:34 h.

Algún día alguén terá que escribir a historia das discotecas e da salas de festa que xa desapareceron. Mesmo podería ser Xabier Maceiras o autor, agora que ten a práctica de recuperar os salóns de baile da Laracha, nunha obra documentadísima, en datos e en memoria colectiva de parroquias. Non sei se a emoción dos que agora atopan as súas lembranzas nesas liñas serán comparable á que sentimos outros que imos vellos, pero algo menos, cando vemos como esmoreceron de todo os lugares que tiñamos para estar algunha fin de semana. E non sei tampouco se os que son moitos máis novos ca nós, rapaces de 20 anos ou por aí, serán capaces de entender o que significaba ir á Revolta ou ás Airas, á Vieira ou á Dudas, á Bellavista...

A Revolta, por dentro, ya sin tejado desde hace año y medio
A Revolta, por dentro, ya sin tejado desde hace año y medio Ana Garcia

Hai tantas que non caberían, porque sería necesario incluír os cambios de nomes: A Xunqueira, A Solana; Beiramar, Miramar ou Costamar, Fransil e Atarceder, Disil ou Galicia, a Noa e a Piccola, a Macías ou a Week-End, a Chaquetón ou Vértigo, a Pazos e a Teyma... E moitas máis que forman parte dunha maneira de entender as relacións, o ocio e os bailes xa desaparecidos, e que tamén foron cambiando co tempo: pouco que ver a Revolta clásica coa Factoría ou Diva Dance finais, que chegaron no momento en que todo este mundo pasaba páxina. Pensaba nel, e tamén nos salóns de Maceiras ou no das cereixas de Xabier Díaz, mirando para as caixas de bebidas baleiras, apiñadas nun cornecho da Revolta. Caixas de refrescos que se serviron cando brillaban os neóns e a vida parecía longa e feliz, e que agora están ao aire coma pezas de arqueoloxía desenterradas. Darredor delas residen moitas historias.