O arteixán presentou onte na Casa da Cultura o libro Os bailes dos avós. Músicas e salóns da Laracha de antano
24 jun 2023 . Actualizado a las 22:55 h.O escritor, historiador e documentalista Xabier Maceiras (Arteixo, 1970), presentou onte na Casa da Cultura da Laracha o seu novo libro: Os bailes dos avós. Músicas e salóns da Laracha de antano, que xa é posible mercalo nas librarías de Carballo, A Laracha e Arteixo. Acompañado polo alcalde, José Manuel López Varela, e pola concelleira Patricia Bello, explicou as principais características da obra, dividida en corenta e catro capítulos, ás máis de cincuenta persoas que asistiron como público. Antes, tamén o fixo en Voces de Bergantiños, de Radio Voz.
—É máis sobre onde que sobre o baile en si?
—Diría que si. O título pode levar a algunha confusión, porque non falamos tanto sobre o exercicio do baile, senón dos lugares onde bailaban os avós e bisavós laracheses. Transcorre entre os anos 30 ata os anos 70, entón eran sobre todo alpendres que para dignificalos un pouco lle chamaban salóns.
—Aínda así, era a mesma esencia ou evolucionaron moito?
—A mesma. Hai algúns edificios que aínda están en pé, aínda que algún deles cuberto por vexetación. E respecto a evolución, creo que a Discoteca Pazos foi a fin dunha era e o comezo doutra.
—É un traballo etnográfico.
—Claro, e con moita axuda. Obviamente neses primeiros capítulos, que van dende os últimos anos 20, non hai memoria. Aí tirei de hemeroteca. Iso si, se aparecen informacións no xornal relativas a estes lugares nesa época, non era por cousa boa (rí).
—Canto tempo lle levou a investigación?
—A ver, definir o tempo dun libro é tremendamente complicado. A investigación é semanal porque case todo isto está escrito xa no blog Crónicas da Laracha, que vén funcionando dende hai dous anos e no que cada semana hai unha publicación. É un traballo de ir polas parroquias, ás veces, difícil porque non me coñecen e teño que gañarme a confianza da xente. De feito, fanme unha pregunta de maneira máis ou menos habitual: ti es do catastro? (rí).
—Que lle chamou máis a atención durante ese proceso de investigación?
—Hai algunha que outra anécdota. Na obra, ademais dos locais onde se bailaba tamén recollo unha pequena biografía dos músicos da Laracha en cada momento. Entón hai varios casos curiosos. Temos a Carmen Mallo, de Erboedo, que naqueles duros anos 40 foi unha das primeiras mulleres que se subiou a un esceario. Era saxofonista. Outra historia que me sorprendeu ten que ver con Los Tamara, que significou algo importante para moitas xeracións. Pois un dos integrantes dese grupo resulta que era da Laracha. Comezou a tocar moi pronto en distintas orquestras e non actuou tanto polo seu municipio.