Concha Blanco xa é unha biblioteca

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O ABALADOIRO | A autora ceense foi homenaxeada este pasado martes no instituto Agra de Raíces, onde fora docente 

19 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Contaba con ir dar unha charla, e fíxoo, pero tamén foi sorprendida tendo que descubrir unha placa conmemorativa que lle daba o seu nome á biblioteca do instituto Agra de Raíces de Cee. A escritora Concha Blanco viviu o martes unha xornada especial neste centro, de cuxo profesorado formou parte durante anos impartindo lingua e literatura galega.

A ceense, que dende o Agra de Raíces sitúan como referente para Cee, a Costa da Morte e Galicia, ofreceu para estudantes de primeiro de bacharelato pinceladas da súa traxectoria literaria e do seu proceso creativo. Logo, recibiu da dirección do instituto e do equipo da biblioteca toda unha homenaxe, esa biblioteca agora xa chamada Concha Blanco, como así o fai constar a placa deseñada polo departamento de Debuxo do centro e realizada en impresión 3D con materiais do proxecto Polos Creativos no que está inmerso o instituto. A autora, que por certo ao día seguinte entregaría o título de Boa e Xenerosa á súa filla, María Canosa, recoñeceuse emocionada e agradecida con este acto no que ademais lle foi entregado, como agasallo, un fermoso ramo de flores.