
GENTES DEL FINIS TERRAE | Sergio Casal e Nuria Espasandín falan en Toxío de viaxes, política, linguas, dereitos... Veñen de gañar un dos galardóns Youtubeiras na gala celebrada o sábado en Carballo
01 feb 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Vén de celebrarse en Carballo a sexta edición dos Premios Youtubeiras. Oito galardóns para visibilizar, alentar e recoñecer a creación de contidos en galego na Rede. Un deles, o Premio Canle, foi parar a Toxío. «Alta calidade comunicativa, técnica e estética», así como «continuidade e periodicidade de contidos, cun dominio emocional e ético», foi o que destacou o xurado para concederlles o galardón: 1.000 euros e unha medalla. Detrás da canle Toxío, con presenza en Youtube, nas principais redes e tamén cun blog, están Sergio Casal (Oleiros, 1992) e Nuria Espasandín (Vimianzo, 1994), veciños recentes de Malpica: «Gustounos tanto que é o sitio de onde non somos, pero de onde queremos ser».
—Cun premio comeza ben o ano.
—[Nuria]. 100 %, pero nós case o vemos como un peche do 2022, un ano que foi de traballo, viaxes e ilusión.
—E non é o primeiro premio.
—[Sergio] No Youtubeiras 2021 tivemos o premio á calidade técnica, unha das partes do noso traballo que nos gusta coidar moito. É un activo á hora de comunicar. Canto mellor comunicas, mellor chegas.
Ver esta publicación en Instagram
—«Unha parella viaxeira compartindo as nosas experiencias polo mundo». Vén a ser a sinopse da canle Toxío. Que é e con que fin?
—[Nuria] Toxío é un nome xaponés dun neno que vimos nunha peli. Empezamos como unha broma, e cando comezamos a crear contido xuntas, decidimos que non levaría máis maxia nin transfondo. Só ese nome, e cunha «x».
—[Sergio] Quizais o que menos conta e comunica sexa o nome, e tampouco está mal que sexa así, porque queremos contar moitas outras historias, través do que dicimos.
—Sergio, xornalista especializado en comunicación política e apaixoado da fotografía. Nuria, xurista e activista. E atoparon o seu nicho laboral na Rede.
—[Sergio]. Foi unha experiencia agradable. Combina as nosas paixóns —dereitos, dereitos humanos, política, xornalismo, comunicación...— coa faceta creadora. No 2022, decidimos converter esa paixón na nosa profesión, lanzando un proxecto, OCO Xeración de contido. Creamos contido para outras persoas: empresas, asociacións... Fotografía, vídeo, redacción, xestión de redes...
—[Nuria] O paso en si foi longo, pero con Toxío [dende o 2017] pouco a pouco, inevitablemente, chegamos a facelo realidade laboral.
—Empregar o galego na súa comunicación é para vostedes, simplemente, o natural, ou ten ese matiz de reivindicación, de que isto si se pode facer na lingua propia?
—[Nuria] Creo que falar galego, en xeral, é un acto de activismo, case. Ten esa connotación de que si cremos que se pode facer, falar galego en todos os espazos, pero en realidade é que contamos as nosas historias e a nosa vida. Non poderiamos facelo doutra forma que non fose a nosa lingua.
—[Sergio] É a lingua na que falamos na casa, na que nos comunicamos. Por que logo no compartir co mundo así, de xeito natural? E non xa sobre o uso do galego, senón sobre calquera eido. Sen que supoña ningún problema.
—Foi no espazo Coworking Carballo onde deron vida a OCO.
—[Sergio]. Si, e nace de nós, da paixón por crear contido. Algo ao que lle dedicamos horas, que desfrutamos, e do que queremos vivir, porque vemos un nicho, para empresas, entidades ou proxectos que precisen estar na rede con boa presenza e comunicación. É aí onde queremos estar. Somos de aquí, somos cercanas.
—Tanto que «Seaia» é como lle deron en chamar á súa furgoneta.
—[Nuria]. O ano pasado alugamos un piso en Malpica por dous meses. Realmente a nosa idea era seguir un pouco de nómades, aquí e alí, pero algo de máxico tivo e Seaia foi o lugar, en concreto, que sentimos moito como casa. Por iso decidimos bautizar así á furgoneta, que camperizamos e coa que viaxamos. Levamos ese cachiño de mar, de terra, de casa, a todos os sitios.
—Falaron xa en Toxío doutras realidades lingüísticas, como a do bretón; de dereitos humanos ou da Segunda Guerra Mundial. E nas viaxes como fan a escolla? Veñen de chegar de Andalucía.
—[Sergio]. Mestúranse moitas cousas. No 2021 eu estudaba Ciencia Política e presentouse a oportunidade de facer un Erasmus. Estabamos en pandemia, así que xeito máis bo de viaxar. Para adiante: a Polonia seis meses. No caso de Francia, tiñámolo na cabeza: camperizar a furgoneta cos recursos que tiñamos e viaxar alí o tempo que puideramos, que foron 40 días. No 2019 fixemos, digamos, a gran viaxe, saíndo sen billete de volta, en avión, e pisando diversos países en Asia, Europa... Hai esa mestura, entre o meditado e a impulsividade.
—Pisaron todos os continentes?
—[Nuria]. Fáltame Oceanía.
—[Sergio]. Falta algún, si.
—E da Costa da Morte, quédalles algún lugar por visitar?
—[Sergio]. Na costa, moitos. Pensabámolo o outro día camiñando por Niñóns. Recunchos fermosos, recónditos, sempre quedan.
—[Nuria]. E tamén hai que velos en diferentes momentos. Os lugares varían en función de mareas, temporal, sol... Con diferentes tempos tamén vai ser distinta a sensación e o propio lugar.
—Próximo destino?
—[Sergio]. O xoves marcho á illa de Lanzarote, catro días, e despois Galicia. Queremos darlle un pouco de quilómetros a Seaia.