Algunhas das moitas cousas que teñen que ver coa morte, se cadra por ser evidentes ás veces pasan desapercibidas. Mesmo na nosa comarca hai unha diferenza notable nos modos de enterrar: nalgúns sitios, poucos, a caixa vai primeiro ao cemiterio e despois faise o funeral na igrexa. Na gran maioría ocorre xustamente ao revés: as misas primeiro e despois, ao nicho. É o que levamos vendo moitos de sempre, e ademais, nese teatro escénico do consolo, do pranto e da observación respectuosa e curiosa, é o xeito que mellor representa os adeuses, tanto á persoa finada como á súa familia.
Será por costume, pero non me parecen detalles menores.
Ás veces faise así porque o camposanto queda alto, ou algo lonxe. Malpica, por exemplo. Ou ao lado: así ocorría hai tempo con algúns veciños das Labradas, en Carballo, que teñen os panteóns na beira e parecía un aforro de camiño lóxico. Ten pasado tamén en lugares nos que, pola hora tardía, prefiren evitar que a cerimonia no adro sexa pola noite. Pero son excepcións. É posible ata que o propio falecido deixara establecido como quería a despedida. Coñezo só un caso. Sendo así, raro que xa non haxa algúns que pidan que os leven por estes ou aqueles cruceiros, pousen a caixa na beira ou no seu pousadoiro e boten uns rezos pola súa ánima. Tradicións de vello, de cando había que ir coa caixa ao lombo durante un bo cacho, ás veces cruzando lameiras ou montes. Queda algún caso, poucos, e así aparecía onte nun informativo. Noticias estrañas e alleas as que falan destas últimas viaxes, percorrendo os espazos que te marcaron para sempre. Santas compañas, pero aínda de vivos.