Somos unha comarca afeita aos avións, pero no seu sitio. Os emigrantes de Suíza, menos, que sempre foron de coche ata hai uns quince ou vinte anos, pero o resto estamos moi habituados a pillar voos en Lavacolla ou Alvedro. Aqueles a Luton coa compañía chárter Monarch, coas despedidas case a pé de escaleira, coma se fose un bus. Si, iso vivímolo moitos, tantas veces. E sempre atopabas no aeroporto a algún veciño. Nas feiras, nos enterros, nos hospital e nos aeroportos: aí estaban.
Os avións fóronse achegando a nós cada vez máis. Os que chegan a Santiago veñen buscar a volta, ás veces, ata As Encrobas ou Ferrol de Rus, depende do vento. O nordés tamén manda no da Coruña, e por iso temos tantos a 1.500 metros por Razo, Baldaio, As Sisargas e sobre todo Caión: van dende aí cara Alvedro, pola beira do Xalo, que ten unha altura que permite aos veciños saudar aos pasaxeiros se queren. Algo tan exótico como ver avións comerciais sobre nós, mesmo de noite, acabará sendo unha rutina.
Veñen tamén por aquí os avións de AFN, escola chea de alumnos da comarca, que aprenden a voar e de paso gozan coas vistas, das mellores de Galicia. Pasan por riba de nós os que van e veñen de Madrid (e de moitos máis sitios) cara América do Norte, por una aerovía máis ou menos paralela á autovía, pero a do aire si que chega a Fisterra e segue recta. E estes días pasan tamén os avións militares que andan de manobras, acompañando aos barcos sobre Malpica. Aos buques si que estabamos máis afeitos; ao Exército do Aire, menos. Pero non son os primeiros: nos 80, helicópteros militares xa aterrizaron no Allo. Aínda me parece que escoito aquel ruído.