A derradeira badalada da «campana d'Anllóns»

juan félix neira pérez

CARBALLO

JUAN FÉLIX NEIRA

Tres emigrantes pagaron a que colocaron no sitio da estragada por unha tormenta

04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa venia das rosalianas campás de Bastavales, vén sendo a pondaliana «campana d’Anllóns» a máis célebre das nosas letras. Na espadana da igrexa desta parroquia penden hoxe dúas boas campás, pero ningunha é a que inspirou a Pondal, sentenciada á ruína por unha tormenta hai 124 anos. Danos producidos por tempestades —como caídas de campanarios sobre os tellados dos templos— foron frecuentes antano, cos conseguintes custos para as pobres economías parroquiais. O que xa non é normal é que estes feitos aparezan vinculados á nosa historia literaria, e aínda menos constancia escrita deste vínculo. Tal ocorreu no caso que nos ocupa. Os libros de culto, de lectura pesada por rexistraren a monótona contabilidade parroquial, poden ás veces deparar sorpresas, como ese «testimonio de gratitud» do libro de Anllóns, cuxa información inédita pasamos a revelar.

Vai asinada polo párroco Juan Antonio Combarro Díaz, o mesmo que debeu resolver os desacougantes episodios na chamada Casa do Demo e cuxa sepultura se encontra diante da porta principal da igrexa. Escribe así: «En 31 de Diciembre de 1897 un fuerte huracán dobló la espadaña de la iglesia de Allones para la parte interior destruyendo todo el techo, fayado y tribuna de la nave del medio, hasta el arco del coro con otros desperfectos de consideración, inclusa la Campana mayor, que por sus condiciones inmejorables mereció los honores de la célebre poesía de Don Eduardo Pondal y que se depositase un trozo de aquella en la Sociedad Económica de Santiago». Sabemos por Manuel Ferreiro, o máis reputado experto no Bardo, que tamén doou un manuscrito do poema, de aí que fose nomeado «socio de honor» da institución. Existe aínda ese anaco, pero custodiado hoxe na Real Academia Galega.

Que o párroco cite a Pondal revela a fama que xa entón alcanzara A campana d’Anllóns. Conta ademais o reitor que se efectuaron as obras de reparación, con gran sacrificio para a parroquia; ora ben, «todo estaba reparado menos las campanas, que para que no desmereciese de la destruida, había que aguardar larga fecha para reunir fondos y con poca esperanza de compensar la bondad de la destruida». Ou sexa: que o poema era digno da excelencia da campá.

O anaco da campá do Anllóns custodiado na Real Academia Galega.
O anaco da campá do Anllóns custodiado na Real Academia Galega. RAG
 

Entran entón en escena uns emigrantes da parroquia: «Sabedores los tres hermanos Don Pedro, Don José y Don Agustín Vidal Martínez, hijos predilectos de este pueblo y residentes en Buenos Aires, de la falta que la iglesia de su oriundez padecía, se apresuraron a dar orden al párroco de Allones para que, a cuenta de los tres hermanos, encargase otra campana del tamaño y condiciones que al Cura pluguiese, sin reparar en precio, pues que estaban dispuestos a donar una campana que aventajase a la destruida». Así foi: comprouse a actual, «la que hoy vuelve a hacer de mayor, de 48 arrobas y 8 libras de peso castellanas [555 kg], que importaron 3170 pesetas con los adherentes y colocación».

O día 12 de agosto de 1900 foi bendicida e apadriñada por José Vidal Martínez e a súa dona, Josefa Copechino, «residentes accidentalmente en Allones» xa que, segundo se dixo, vivían emigrados en Bos Aires e, supoñemos, virían pasar o verán aos eidos nativos.  Ao día seguinte foi colocada, «dando testimonio de la generosidad y piedad de los donantes». As datas eran oportunisímas: nestes días celebra Anllóns a súa semana grande, centrada en san Roque; é digna de ver hoxe a súa procesión —talvez peculiar en todo Bergantiños— co seu desfile de once imaxes: sublime escena da espiritualidade galega.  

Gratitude de parroquia

Só catro días despois de colocada a campá verificouse o agradecemento dos fregueses, que declararon «hijos predilectos de este pueblo a los tres señores donantes, cuyo testimonio firma la Comisión al efecto nombrada por el vecindario». Esta formábaa a flor e nata da veciñanza de Anllóns: o xuíz municipal, Juan Mosqueira Ponte; o fiscal municipal, Marcos Villar Santiago, o mestre de escola José Vila Gómez e, como non, o párroco, Combarro.

Por se esta honra fose pouca, incluso o arcebispo de Santiago, o cardeal José María Martín de Herrera, «les otorgó el favor de que pudiesen erigir en el atrio de la de Allones un Panteón de familia; pero no queriendo los favorecidos aprovecharse de la gracia concedida toda vez que algo perjudicaban al atrio, adquirieron terreno contiguo a su cuenta y en él levantaron un Panteón digno de la piedad de los referidos con doce sepulturas y todo de relativo mérito».

Foi unha acertada decisión, que evitou un obstáculo no adro. O panteón dobre levantouse en fronte da fachada da igrexa, con perpiaños de granito e seguindo unhas liñas clásicas, e aínda lemos nas súas placas de mármore os nomes dos xenerosos emigrantes.

O estrondo da caída do campanario e campá de Anllóns, no marco dunha natureza desatada de vento, chuvia e lóstregos, crearía tamén unha estampa digna dun poeta romántico, como o Pondal que compuxo o famoso poema. Que outros versos non tería escrito se puidese oír a campá de Anllóns emitindo a súa derradeira e máis triste badalada!