Beto Lorenzo: «O problema é adestrar. O circuíto de Bértoa deberíase explotar máis»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEAX

Este piloto carballés de carcrós promoción alzouse co seu primeiro título nacional ós 20 anos en Lérida

05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O mundo do motor está de noraboa na Costa da Morte. Despois de que o dumbriés Víctor Senra se proclamase pentacampeón autonómico de ralis o pasado sábado no Ourense-Ribeira Sacra, a comarca ten outro campión, neste caso nacional, trala última proba de autocrós celebrada en Lérida durante a fin de semana. O carballés Alberto Lorenzo Longueira, Beto (Razo, 2000), vén de conseguir ós seus vinte anos o seu primeiro cetro estatal na categoría de carcrós promoción. Compite coa escudaría carballesa Máis Motor subido a un Kincar.

-Como foi a fin de semana?

-Chegamos ao circuíto de Mollerussa con catro pilotos con opcións de gañar, polo que tivemos que tratar de facer os máximos puntos posibles. Lográmolo, de maneira que na final xa nos chegaba con acabar terceiros para ser campións xerais. Non houbo imprevistos. Na calificación quedei cuarto, nas dúas clasificatorias do sábado fun primeiro e, na última do domingo, terceiro. En todas as mangas saímos primeiros, pero tamén tivemos que correr bastante polos rivais, que viñan moi preto. A situación repetiuse na final, cunha quincena de pilotos na saída. Tras varias voltas vimos que Ferran Fornell, que era outro dos aspirantes ao título, nos alcanzaba. Deixámolo por así dicir pasar para non asumir riscos e quedar fóra, e resultamos segundos.

-E a tempada en xeral?

-Logrei cinco podios en sete carreiras, que eran as que había. Tres veces fun terceiro, unha primeiro, en Arteixo, e, nesta última, segundo. Quedei sen podio na primeira de Lérida por unha avaría nunha manga clasificatoria que nos levou a ser quintos, e en Carballo, iamos terceiros, pero sufrimos unha avaría na final e tivemos que abandonar.