Moa, Croa, Doa: Outono Megalítico na Costa da Morte

luís giadás

CARBALLO

Visitas, no seu día, á Croa do Castro
Visitas, no seu día, á Croa do Castro

Para este mes de vendima hai un bo número de deberes arredor do importante patrimonio arqueolóxico deste territorio

11 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Deberes co patrimonio arqueolóxico da Ribeira Baixa do Anllóns neste mes da vendima:

1. Manter alerta a garda ante a posible agresión eólica aos Penedos de Traba e de Pasarela: A Torre da Moa, acubillado felino berroqueño, non nolo perdoaría.

2. Visibilizar e revalorizar os castros da Croa do Castro (Cerqueda) e As Croas de Niñóns, inmellorables panorámicas, que escusan os seus respectivos bancos.

3. A difusión do Parque do Megalitismo que leva a cabo o Centro de Formación e Recursos do Profesorado (Cefore) entre os docentes, para que espallen a semente do amor pola propia bisbarra entre os seus discípulos.

4. A presentación do libro O Chan da Embarrada: Conxunto megalítico en Ferreira (Coristanco), elaborado polos membros do Instituto de Estudos Bergantiñáns, o venres 17, ás 20.00 horas, amosando que este concello tamén conta con méritos dabondo para ser incluído no devandito Parque Megalítico da Costa da Morte.

5. A protección, por parte do Concello de Ponteceso, da Arca da Campara, xa citada en pergameos medievais e redescuberta por Suso Lista: se cadra, debaixo das tres mámoas poden aparecer outros tantos dólmenes, que farían merecente ao municipio pondaliano de ser, así mesmo, insertado nese circuíto.

En resume: Mámoas e dólmenes do Chan da Embarrada e da Arca de Campara veñen a enfiarse como relocentes doas nese terzo ou rosario pétreo do noso pasado prehistórico, que constitúe unha das sinais de identidade desta Costa da Morte.