Fútbol en Suíza

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Xa nada é o que foi, pero en Suíza hai unha fortísima tradición do fútbol da Costa da Morte. Fálase moito de Benito Souto, da Pastoriza de Arteixo, ou de Ricardo Rodríguez, de Crecente, ambos na selección helvética, e tamén do carballés Gerardo Seoane, que pasa do Young Boys de Berna ao Bayern Leverkusen de Alemania. Eu lembro especialmente a Carlos Varela, da Laracha, histórico da primeira división suíza (sobre todo no Servette de Xenebra), na que estivo 17 anos. Son grandes nomes, de éxito federal e internacional.

Prefiro quedarme cos secundarios, cos pequenos. Cos equipos de ligas inferiores ou modestas, e coas numerosas peñas, polos que pasaron centos de emigrantes da nosa comarca. Non son capaz de citalos todos, nin por memoria nin por idade. Ademais, cada cantón é un mundo, non falemos xa de categorías ou anos. Destacou sempre moito, e seguramente ségueo facendo, o Cerceda, con catro equipos polo menos ata finais do 2019 e 80 xogadores, entre veteranos e ligas regulares. Xa só este club merecería un suplemento. Os principais centros galegos tamén tiñan equipo, e claro, a maioría de responsables eran de aquí. No de A Nosa Galiza, o carballés Venerando Trigo fora xogador, adestrador e presidente.

E o Galicia de Berna, e o Tordoia. O Galaica, o da Irmandade Galega de Xenebra. Ata houbo un equipo feminino con emigrantes da zona, o Bethlehem, en Bümpliz (Berna). E, por suposto, o último, o A Nosa Costa de Delémont, todo un exemplo de integración no que Vimianzo e Camariñas tiveron moito peso.

Creo que na cita de hoxe na Eurocopa moita xente vai ter o corazón algo partido.