Héctor Pose publica «Lascas», singular libro-obxecto ilustrado por Héctor Francesch

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Trátase dun diálogo entre as historias curtas de Pose e as ilustracións de Francesch

14 ene 2021 . Actualizado a las 09:30 h.

Héctor Pose Porto ten nova obra, tras Aquela xente digna presentada no verán, dedicada a tres veciños malpicáns que padeceron o horror de Mauthausen. A nova non se pode cualificar exactamente de libro, senón máis ben de libro-obxecto, como el o define. Ou mellor como lascas, virutas ou labras que foron quedando doutras obras ou mesmo son o froito de pensamentos e vivencias anotadas. Porque así se chama, Lascas, en formato singular: con corenta, a tamaño grande de baralla de naipes, máis ben tarot, cada unha cun texto, cun tema, e cada unha tamén cunha ilustración a cargo de outro Héctor, coruñés e apelidado Francesch.

Estas follas, estas lascas e texto, «son verdade nun 99 %», confesa Porto, xa cunha ampla obra ao seu lombo, profesor da Universidade da Coruña. Verdade, pero literaturizada, ou con nomes cambiados. Son froito do vividos, do escoitado, «das miradas atentas» ao redor. Os temas van pasando como cartas: desamor, soidade, territorio, mar, muller, retranca... Son 40, todas numeradas, pero o lector pode ir saltando se quere dunha as outras, e ao final atopará un arame invisible que engarza todas esas historias, esas realidades, ás veces que permanecen, outras efémeras.

Ana Garcia

A edición é de Estraperlo, de Enrique Lista. Xa se pode mercar na web desta compañía, pero tamén nas principais librarías, algunhas de fóra de Galicia. Presentalo tal e como están as cousas vai ser unha lasca complicada.