Quixera engadir... Impresións de Héctor Pose logo da homenaxe a tres malpicáns deportados a Mauthausen

Héctor Pose

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

TERRA E XENTE | Hai persoas que fan que as cousas pasen. Hai outras que nunca se enteran do que pasa. Tamén hai quen se decata cando xa pasaron, e mesmo hai xente que nunca quere que pase nada...

14 ene 2021 . Actualizado a las 09:30 h.

Hai persoas que fan que as cousas pasen. Hai outras que nunca se enteran do que pasa. Tamén hai quen se decata cando xa pasaron, e mesmo hai xente que nunca quere que pase nada. Que só desexan que todo siga igual.

Carmen G. Rodeja, presidenta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, é da primeira clase de persoas, e foi un pracer cooperar con ela. Tras o acto cívico de honrar a memoria dos 66 veciños de Malpica, nomeadamente dos tres deportados en Mauthausen, que se viron abocados a escapar da represión franquista, teño que dicir que o agradecemento pola iniciativa é clamorosamente maioritario. Non paran de sucederse os parabéns e as mostras de felicitación non só a min, mero escribidor, senón a Carmen, ao Concello de Malpica e a Confraría de Pescadores.

Un acto de xustiza social, o saldar unha débeda coa nosa historia, cun relato intencionadamente literario e unha placa que concretiza esa lembranza comunitaria. Todo, co afán de amosar empatía coa dor e a solidariedade con todos e cada un dos familiares vencellados aos que fuxiron por mar cara á liberdade entre 1937 e 1938.

O que alí se dixo o venres pola noite non foi todo. Alomenos, pola miña banda. Por exemplo, imposible citar todas e cada unha das fontes documentais (bibliográficas, visuais ou orais) que forneceron ao autor para argallar o texto. Pretendelo sería consumir un tempo que deberían protagonizar Ánxela, Eliseo e Ana Isabel.

Mais teríame gustado nomear ao estimado Vitor R. Barca, que hai xa 20 anos escribiu un breve pero aleccionador artigo na efémera revista O Talieiro da extinta A.C. Tralla. A Dionisio Pereira, xeneroso historiador do noso mar. A José Barizo, que me contou anécdotas cando xa o libro estaba feito. A Óscar Porto que, sendo un adolescente que quería comprender, preguntoulle a Luis da Rogita por que marchara en plena contenda bélica e este díxolle: «Porque cada día que volvía do mar, eu vía as casas chorar».

Aos fotógrafos que retrataron unha época infausta. Gustaríame afondar na obra de Xelucho Abella, por documentar profusamente a ignominia feita a aquela xente digna. A Gloria Pombo, para que conserve a súa prodixiosa memoria por moitos anos máis. A Manuel Rivas, pola súa presenza, compromiso e afecto. A cada un dos veciños que se me achegaron estes días pola rúa para contarme outros casos merecedores dun libro: José de Casqueiro, Melilla, Cadeiro, etcétera, etcétera.

Cada casa, unha lacena chea

Un non quere nin pode, por tempo ou por capacidade, atender a tanta necesidade de investigar e escribir o moito que queda por sacar á luz da nosa historia. Cada casa é unha lacena chea de sucedidos susceptibles de ser narrados. Mais seguirei aplaudindo cada iniciativa, mercando cada libro, recoñecendo cada esforzo nesa liña.

Cando me presto a marchar, tamén eu vexo chorar as casas de Malpica polo ceo entoldado de incertidume diante do porvir que nos agarda. Coidemos uns dos outros empezando por amar o mar. Pois como me dixo Rivas, quen ama o mar ama a liberdade.