A Carballido e ao PSOE

Ana Pérez Imia TRIBUNA ABIERTA

CARBALLO

06 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa dez días que Ponteceso é o centro de atención político comarcal e seguimos sen aclarar ningún punto. A situación dentro do goberno é clara: Lois García Carballido ten tres apoios de trece dentro da corporación e segue optando polo silencio en lugar de aclarar os feitos ou de retirarse á docencia de forma exclusiva.

Por parte do PSOE, a situación non mellora: optan por estar caladiños e mirar cara outro lado. Anuncian que se nos abrirá expediente aos protagonistas dos vídeos, pero oficialmente aínda non nos consta notificación algunha. O tema de Ponteceso non vai con eles porque, como ben nos dixo o presidente do comité provincial no seu día: «Ponteceso es una casa de...», e logo colgounos o teléfono. Ata hoxe. Está claro que o que lle importa é o señor Carballido e os díscolos, entre os que me inclúo, non somos máis ca unha tormenta que pasará como pasou o Hortensia. Despois de todos os episodios nos cales o protagonista usa uns métodos de goberno cuestionables e ditatoriais (agora con nós, no anterior mandato, cos empregados do Concello no seu momento e coa executiva local que deixou patas para arriba) seguen permitíndolle e apoiándolle todo coma se fose un deus e o socialismo na zona dependese solo del. Pero se pensan en volver a repetir o resultado mostrando ese apoio aos veciños permítame dicirlles que Ponteceso non merece un ditador como alcalde e espero que non sigamos sendo as súas vítimas.

Táchenme de interesada, agora xa case estou aprendendo a ser coma os políticos, coa única diferenza de que eu non antepuxen ningún interese persoal aos intereses do pobo, traballei o que vai de mandato de forma altruísta, coma se dunha ONG se tratase, mentres Carballido embolsaba catro mil euros mensuais. E coma min, os meus compañeiros de vídeo. Apoiamos a baixada de soldo porque era desmesurada. E certo é que nos a aprobamos no seu momento, sendo vítimas de como as gasta este personaxe.

Invádeme a dúbida na estratexia que segue, cando aínda nos mantén no grupo de goberno, con áreas asignadas, a uns chantaxistas e extorsionadores, sen denunciar tales feitos nun xulgado.

Recordo moitas reunións para intentar endereitar o tren, moitas mensaxes sen resposta pedíndolle explicacións, pero vostede é o alcalde e para nada ten pensado cambiar. Nunhas declaracións comentaba que foi un erro levarnos na lista. Totalmente. Para vostede e para nós. Pero xa que iso pasou a miña intención é seguir apoiando ó mellor para os veciños, ser a súa voz nos plenos, aprobar e propoñer o desenvolvemento e unha boa calidade de vida no municipio e opoñerme á calidade duns poucos freando os procedementos turbios que este señor presente.

Como din os compañeiros, agora hai que aguantar e pelexar, así que, non queda outra. Ana Pérez Imia, concelleira do PSOE de Ponteceso.