Alicia Novás, podóloga: «O máis frustrante é non saber onde me contaxiei»

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Ten 30 anos e recupérase na casa, en Baio, do covid-19. Como sanitaria, está moi concienciada coas medidas 

29 sep 2020 . Actualizado a las 17:02 h.

Confinada na súa casa en Baio, Alicia Novás afronta o covid con tranquilidade e enerxía grazas ao cariño que está a recibir por parte de clientes e veciños. «Os veciños deixáronme unha bolsa na porta con chocolates e patacas», comenta a muller, que comezou a ter síntomas a semana pasada.

«Espertei sobre as tres da mañá do luns ao martes con dor muscular. Mireime a temperatura e tiña 37, 4. Dinme logo unha ducha fría e non baixaba polo que xa chamei ao 061. Nun principio quitáronlle importancia e dixéronme que tomara paracetamol tres ou catro veces ao día e se non remitía que chamase ao médico», explica Novás.

Por precaución, a podóloga, que ten 30 anos, decidiu non ir ao traballo. «Como seguín mal, e xa notei unha leve molestia na gorxa, chamei ao médico e deume cita para facer a PCR o xoves porque prefería esperar uns días para evitar un falso negativo. De feito, hai dous días perdín o gusto e o olfacto», apunta a sanitaria.

Tras detectar o positivo, Alicia alertou os seus compañeiros. «Somos catro, con un non coincidín e as outras dúas rapazas xa fixeron a proba e deron negativo». Por iso, e tras desinfectar o espazo de forma preventiva, volverán a actividade», explica.

«O máis frustrante é non saber onde me contaxiei», apunta Alicia, que como sanitaria está moi concienciada coas medidas. «Reducín a miña actividade social e cumpro as normas. Aos meus pais facía unha semana que non os vía e sempre levo a máscara», di a muller, que aproveita o illamento para estudar. «Tiña algunha formación pendente e aproveito para retomalo, ver series e reflexionar un pouco, que ás veces, co ritmo frenético que levamos non podemos», sinala.

Como autónoma, Alicia admite que a situación xera preocupación. «É unha actividade que non se pode facer dende a casa, é imposible o teletraballo e continuar xerando ingresos sen acudir ao local é complicado. Xa acumulamos as oito semanas de parón polo confinamento polo que volver pechar agora uns días nótase». Aínda así, móstrase optimista. «Pode volver a ocorrer o ter que pechar por outro positivo, pero o importante e poder contalo. Logo todo saíra dunha forma ou outra,».