Alejandro Gándara: «Quixemos saber quen era aquela xente que cantaba, a parte humana»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

El -criado a medio camiño entre Baio e Carballo- e Olaia Tubío afondaron nos informantes do «Cancioneiro popular galego»

23 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De pais zasenses, Alejandro Gándara Porteiro (1993) criouse a cabalo entre Baio e Carballo. «Orghullosamente», como el di e fala, con gheada, é baiés e carballés. Viviu enriba da vella Chaquetón, pois seu pai era o responsable: «Acórdome perfectamente, pero para ir de festa aínda era pequeno», ri. Hai só uns días que Alejandro pasou por Baio con Dorothé na vila, o documental no que el e Olaia Tubío, de Rois, recompilan historias de vida que hai detrás do Cancioneiro popular galego recollido no seu día, aló nos 80, por Dorothé Schubart e por Antón Santamarina. O proxecto deste traballo mereceu un dos Premios Luísa Villalta da Deputación, e iso animou ao seus autores, aínda máis, a seguir adiante: «Tiñamos unha responsabilidade». Coa dotación puideron incorporar a unha persoa e centrar esforzos na postprodución: imaxe fermosa e son limpo.

-Canta xente na presentación!

-Estivo moi ben. Queriamos que viñese xente de aquí da zona. Invitamos tamén ás familias de tres dos informantes dos que se fala no documental, Estrella e Domingos, de Regoelle; e Delfina, de Añobres (Muxía) [ningún dos tres vive xa]. Era unha oportunidade para que visen o traballo.

-Estrearon en Santiago e está a ter moi boa acollida.

-Si, foi hai menos dun mes, o 27 de agosto, na Mostra de Cine Etnográfico, no Museo do Pobo Galego. Este xoves [por mañá] estaremos en Tui, no festival Play-Doc, e logo iremos a Ourense. Tamén teremos algunha cita pola zona: estamos contentos, está gustando. A xente ri, emociónase... e iso é bo.

-Como chegaron ata aquí?

-Eu e Olaia xa nos coñeciamos porque fixeramos un traballo previo, audiovisual tamén, pero distinto, de entrevistas. Chamábase Punto e volta, gravado con outros dous compañeiros. Foi aí cando chegamos ao Cancioneiro. Cantamos, bailamos e tocamos música tradicional, e sempre tivemos curiosidade por saber que había detrás, por que cantamos o que cantamos, de onde viñan aquelas letras, de que falaban, quen era aquela xente. Con todo iso entrevistamos a Richi Casás, músico de Cerceda, que foi o que nos serviu para empezar toda esta historia. Hai uns anos descubriu que súa avoa fora gravada por Dorothé no Cancioneiro: o seu proxecto de fin de carreira, de feito, foi unha adaptación das músicas de súa avoa ao jazz. Pensamos que igual había máis historias bonitas coma esta e aí empezamos a buscar, a falar con xente, puxémonos en contacto con Dorothé... Xa hai dous anos e medio.

-Non parece cousa de días, non.

-Fomos cambiando algo de táctica. Ao comezo iamos polos índices do Cancioneiro, nos que figura o sitio e as persoas que cantaran. Colliamos a guía telefónica e poñiámonos a chamar a ver se os atopabamos, pero é complicado atopar á xente así. Logo, cando coñecemos a Dorothé e nos foi pasando textos que escribira sobre os sitios aos que fora, xa iamos máis a tiro fixo. Outra xente atopámola de casualidade.

-Di «cando tocamos, cando bailamos»... Vostede e Olaia están metidos na música tradicional?

-Eu formo parte de Pandereteiras sen Fronteiros, da Coruña. Olaia non, pero gústalle bailar, aprendeu e baila moi ben!

-Que impresión levaron do traballo eses familiares dos que falaba?

-Estaban emocionados. Na gravación que hai de Domingos no Cancioneiro, está regueifando con Estrela, e os seus familiares nunca o escoitaran regueifar. Ábreche moitas portas chegar con estas fotos e gravacións.

-Teñen dito que este é un traballo “complemento” ao de Schubart.

-A intención é esa. O Cancioneiro é un traballo moi técnico, de recompilación e clasificación de músicas, de transcrición das letras... Penso que non hai ningún desta extensión e rigorosidade en toda a Península. Pero a nós o que máis nos interesaba era saber como era aquela xente que cantaba. No Cancioneiro a protagonista é a música, non tanto os informantes, e nós tiramos máis pola parte humana.

-É un traballo a nivel galego. Atoparon moitos aínda vivos?

-Queda xente aínda si. Xente que entón podía ter trinta, corenta anos... E bueno, en Louzarela, Pedrafita, atopamos a Manolo, o primeiro informante que sae no documental: ten 99 anos.