Carlos Núñez: «A Costa da Morte é máxica»

Caterina Devesa CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

MARTINA MISER

A REMOLLO | O gaiteiro actuou o domingo en Soandres, nunha dobre sesión, na que trasladou ao público nunha viaxe no tempo

24 ago 2020 . Actualizado a las 13:34 h.

Non precisa presentación. Porque Carlos Núñez (Vigo, 1971) leva case trinta anos sobre os escenarios, non só de Galicia, senón de todo o mundo, compartindo a súa música. Unha música que se escoitou en directo o domingo no Mosteiro de Soandres, A Laracha, dentro da súa xira Lugares máxicos de Galicia. Admite que o mar sempre foi a súa fonte de inspiración e que a Costa da Morte ten unha presenza destacada nos seus traballos. Precisamente, moitas das sesións fotográficas para os seus discos tiveron lugar nunha comarca, que define como especial.

-Dúas sesións en Soandres tras esgotar as entradas para a primeira. Agardaba a boa acollida?

-A verdade é que en toda esta xira que estamos a facer de lugares máxicos a xente está respondendo de marabilla. Nesta caso dábanos mágoa que quedase fóra xente e decidimos engadir esta segunda función ás 17.00 horas.

-Cal é o seu vínculo coa Costa da Morte?

-Para min toda a Costa da Morte ten unha importancia na música moi salientable. De feito, no meu primeiro disco gravei o Maneo de Caión, cunhas grandes pandereteiras, con Xiradela de Arteixo. Elas dicían que as grandes mestras eran as da Costa da Morte e sempre tiven esa idea, ese mito de que as mulleres de desa zona, e a costa, son máxicas. É especial actuar nun lugar como o Mosteiro de Soandres.

-Vén moito por aquí?

-Para moitos dos meus discos fixen sesións de fotos pola Costa da Morte. Para min é unha comarca que reflexa o escenario céltico de Galicia á perfección. Conéctanos coa costa de Bretaña, de Irlanda, de Escocia, e por iso penso que dun xeito intuitivo sempre tire moitas fotos aí para os meus traballos.

-Algún sitio preferido nesta zona?

-Gústame todo. Unha cousa que me sorprende da Costa da Morte é que é unha comarca onde a xente garda unha comunicación espiritual coas paisaxes, que en cambio nas Rías Baixas hóuboa, pero agora é mais complicado atopar. Probablemente pola tentación da modernidade mal entendida.

-Que se vai atopar a xente no concerto de hoxe?

-Soandres é un lugar que permite facer música como unha viaxe no tempo. Tocaremos música medieval, con instrumentos esculpidos polo Mestre Mateo, tamén outras celtas de Beethoven, que é unha das novidades deste ano. De feito, estará con nós unha cantante irlandesa, Marian Ryan, que ten 27 anos e está a medio camiño entre a música tradicional e a clásica. Canta e toca o fiddle, o violín irlandés, entó é perfecta para este repertorio.

-O de que Beethoven teña composicións celtas sorprende moito.

-Si, aos propios alemáns. Cando estivemos na súa casa alá descubrimos que os seus derradeiros quince anos estivo traballando con música celta para preparar a súa sétima sinfonía. Estivemos preparando ese repertorio quince anos, e culminará cun proxecto que verá a luz o ano que vén, que é cando se celebra o 250 aniversario do seu nacemento, porque decidiuse pospoñer un ano, pero agora, este 2020 facemos este adianto.

-No confinamento estivo inmerso con outro proxecto, como o viviu?

-Chegamos de actuar en Bos Aires e aquí a cousa xa estaba fea. Xurdiu entón que o Consello da Cultura Galega me contactou porque sabían que levaba moitos anos facendo transcricións da música de Ricardo Portela, e como no 2020 se cumprían cen anos do seu nacemento, preguntáronme se a podería acabar. Eu coñecino con 12 ou 13 anos, e cando morreu, eu tiña 19, pediume que lle transcribise o repertorio. Levoume moitos anos e moito esforzo.

-Estivo ben entretido.

-Foi durísimo, durísimo. Tanto que nalgún momento tiña que falar en alto para non quedarme durmido. Xa non só o tempo do confinamento. Foi un longo proceso. Fun á Bretaña para aprender dos bretóns, escoceses, irlandeses, os sistemas de transcrición da escritura. Pensa que cada peza de Portela pode ter cincocentas notas das cales o 40 % son notas da melodía, pero o 60 % son ornamentos, os adornos. Algo que case non se escoita, non se ve, polo que é a parte mais fráxil e que se perde pola transmisión oral. Portela era un dos últimos samurais , un dos gaiteiros mais históricos de Galicia.

-Ese traballo xa está dispoñible.

-Si, por iso estou moi feliz. Está dispoñible na web do Consello e a xente pode descargarse o libro con todas as transcricións. En setembro sairá unha nova edición de luxo.

-Recorda a primeira vez que tocou a gaita?

-Tiña oito anos e fun a probala a unha tenda. Era moi barata e sinxela, recordo que me esvaecín por hiperventilación. Foi tremendo, porque fun na búsquea dun soño e logo pensei que non o ía poder cumprir. Foi unha conquista.

-Se non fora músico, que sería?

-Quen sabe. Hai algo que me encanta, que é a parte pedagóxica. Creo que todo o mundo ten un don para algo, hai que atopalo. Se tes un mestre que che axude a atopar a túa estrela vas ser feliz. Sempre me fascinou a idea de axudarlle á xente a atopar a súa estrela.

-Que lle ensinou a música?

-A musica ensínache tres cousas: a non so falar senón tamén a escoitar, a traballar en equipo como nunha orquestra, e a sentir como senten os outros.

Máis de cerca

Praia ou montaña? A miña fonte de inspiración é o mar. Sempre foi unha musa, de todos os xeitos sempre procuro escaparme a tocar en plena natureza e tocar para min só.

O seu plan perfecto en verán? Un baño pola mañá no mar e despois saír a mediodía cara o concerto máxico que toque ese día. Ese o paraíso para min e este verán o conseguín, con máscara e todo, logrei a felicidade.

É de ir de tapas? Gústame cando teño a oportunidade cociñar para os amigos, e sobre todo se veñen de fora. Dígolles imos cociñar coa auga de mar, que ten os compoñentes perfectos, e pensan que lles tomo o pelo. Entón imos falar cos mariñeiros, que lles din que é verdade. Admiro moito a cociña tradicional.

Gústalle o marisco entón? Encántame, para min non hai nada que supere a sensación de cando rematas un boi ou un centolo e lle metes ese chorriño de viño branco. Ese último cáliz. Lembro unha vez que unha xornalista francesa, que probou o viño directamente da cáscara da centola, tivo un orgasmo gastronómico.

É mais de viño que de cervexa? Cada cousa ten o seu momento, pero encantaríame que fósemos mais da man. Hai algunha cervexa galega que patrocina flamenco ou músicas internacionais doutros países, e dáme mágoa porque aquí poderíanse facer cousas moi bonitas coa música e estes produtos.