Homes e mulleres que semellan de ferro

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

O fotógrafo muxián Xesús Búa estreou en Carballo o seu novo proxecto

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O fotógrafo muxián vén de estrear en Carballo «Homes e mulleres de sal e ferro», un proxecto interdisciplinar que combina unha trintena de fotografías súas con poemas orixinais de poetas da comarca e con vestimentas e calzados de percebeiros da Costa da Morte. «Todos moi gastados, para cando a xente os toque sinta esa enerxía que desprenden», contaba onte o autor, arroupado neste proxecto por Lois Búa, comisario, e por Teresa Búa, tamén colaboradora.

«Cando pensamos nun percebeiro véñensenos á cabeza esas imaxes de perigo e ese gran produto que extraen, pero esquecémonos deles como persoas. Iso é o que tratei de reflectir», narra o muxián, que acompañou a varios grupos de profesionais ata gañarse a súa confianza e ser partícipe do seu labor. «Non quería que me visen como un estraño, nin que se puxeran para a cámara. Se tiñan momentos de euforia ou, pola contra, de cansazo, non quería que o agochasen», explica. Non foi un proceso doado, e incluso el mesmo acabou polo chan «porque non podía coa alma», confesa.

Nesta exposición non verá imaxes de perigo, máis si dos sentimentos dos profesionais unha vez rematada a faena. Hai, iso si, paridade na representación: «O mar non distingue de home ou muller. Entón, por que ha de facelo un fotógrafo? Ambos están fortes e cubertos de sal. Semellan súper heroes».

Búa mantén a idea de converter este proxecto nun foto libro no que se inclúan, así mesmo, os poemas creados por xente como Alexandre Nerium ou Rosalía Fernández Rial. Precisamente a poeta carballesa foi a encargada de presentalo no acto de inauguración, ao que tamén asistiu representación municipal, así como numerosos fotógrafos.