A posta en valor do pasado de Brandomil

Xosé María Lema Suárez

CARBALLO

.

Apuntes históricos | Este sitio arqueolóxico é o máis importante da romanización do que hoxe chamamos Costa da Morte e que hai dous mil anos era territorio dos nerios

26 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 14 de decembro a Fundación Brandomil presentou nesta parroquia o documental Brandomil, vila romana a carón do Xallas, dirixido por Manuel Rial Santos, de 43 minutos de duración, que para nada se fan longos pola intercalación de entrevistas a expertos e veciños con imaxes do lugar. As da veciñanza abofé que proporcionan boas informacións sobre os restos arqueolóxicos actuais e pasados, e tamén recollen as antigas lendas achegadas polos devanceiros. Hai en todos os entrevistados un grande interese pola posta en valor do pasado histórico da freguesía.

Público asistente á presentación do documental
Público asistente á presentación do documental

Manuel Rial, Paula Vázquez e Pablo Alvite, impulsores do proxecto
Manuel Rial, Paula Vázquez e Pablo Alvite, impulsores do proxecto

E non é para menos, pois este sitio arqueolóxico é o máis importante da romanización do que hoxe chamamos Costa da Morte e que hai dous mil anos era territorio dos nerios. Grazas ós traballos do arqueólogo Juan Naveiro (Proxecto Vías Atlánticas 2007-08), Brandomil pasou de ser «un pequeno aglomerado secundario romano» dunha extensión de 2 hectáreas a converterse nun asentamento de primeira orde, con 20 hectáreas, o cuarto da actual provincia da Coruña despois de Brigantia (A Coruña), Ciadella (Sobrado) e Iria Flavia. Son ben expresivas as opinións dalgúns veciños, que ven a orixe do topónimo no adxectivo «brando», porque o terreo onde se asentan as casas é moi mol, produto dun afundimento ou inundación -din eles-, de aí que sempre fose moi difícil atopar o firme para os cimentos.

Receptora de inmigrantes

Quen nos ía dicir que hai case dous milenios este lugar era receptor de inmigrantes de afastadas zonas do Imperio romano! Os arqueólogos dan fe da importancia que do século I ó IV tivera o Brandomil romano, pois a onomástica gravada en aras dedicadas ós deuses e en monumentos funerarios proba que aquí se asentara unha poboación foránea moi romanizada, inmigrantes procedentes de fóra da Gallaecia e mesmo de fóra de Hispania: un tal Agatón, que lle dedica un altar á deusa Fortuna, procedía de Grecia. Escravos ou libertos desprazados pola administración romana por mor das importantes minas de ouro que había nestes confíns (o Pozo Limideiro e Vilarcovo, son probas delas).

Campamentos romanos

Os romanos, que non daban puntada sen fío, viñeron para quedar; instalaron o seu campamento ó carón dun castro xa existente e desde alí controlaban os «populi» dos (quizais) belicosos nerios. Naveiro ve na disposición da aldea brandomilesa a clásica estrutura ortogonal, cuadriculada, dos campamentos romanos.

A fermosa ponte vella, de traza medieval, construíuse no sitio dunha anterior romana que formaba parte da Vía XX do Itinerario de Antonino (século III) que ía de Braga a Astorga por preto da costa. En Brandomil había unha «mansión» (parada de postas); o que se discute é o seu nome: Grandimirum?, Ad Duos Pontes?, Claudiomerium? Reputados filólogos decántanse a favor da primeira. O arqueólogo Lino Gorgoso, que está escavando a antiga calzada, espera que no futuro se atope nalgún miliario unha inscrición que axude a resolver o misterio.

Parabéns á Fundación, ó Concello e ós veciños por ese entusiasmo para poñer en valor o pasado de Brandomil. Esperemos que en breve un centro de interpretación no lugar contribúa a explicalo ós visitantes.