Lino Gorgoso: «Non é habitual que os veciños pidan unha intervención arqueolóxica»

J. V. Lado / M. L. CARBALLO / LA VOZ

ZAS

CEDIDA

A VIVA VOZ | Lino Gorgoso, arqueólogo: «Hai que ter cautela», di sobre o posible pasado romano do camiño de Brandomil

16 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En terras onde o Concello de Zas conflúe na súa parte sur con terras de Mazaricos e Santa Comba atópase o núcleo de Brandomil; un entorno rural a día de hoxe, un gran asentamento romano en tempos do imperio. Unhas catas arqueolóxicas realizadas recentemente a petición dos veciños revelaron a presenza dun camiño «de gran tamaño» e antigüidade que podería remontarse a tempos romanos. Non é algo que poida confirmar o equipo de arqueólogos, que dirixiu Lino Gorgoso López, pese a atopar no lugar restos de tégula romana. O proxecto deste equipo, e así llelo trasladaron ao Concello de Zas, sería «deixar visible todo o camiño».

-Por que a aparición da tégula non é concluínte para afirmar que é unha vía romana?

-Brandomil é incrible para os arqueólogos, e está cheo de restos romanos, incluídas tégulas. Co cal, que aparecese nunha parte do recheo do camiño non nos sorprende, sería distinto se a atopásemos debaixo do empedrado.

-Hai algunha testemuña histórica de que a «Per Loca Marítima» atravesase Brandomil ou o seu entorno?

-Non podemos concluír ao 100 % que sexa unha vía romana, como tampouco que sexa a vía Per Loca Maritima. Porén, chámannos a atención varias cousas deste camiño. Primeiramente, a tipoloxía, pois ten unha forma construtiva que ten paralelismos nos tempos romanos. Tamén, polas súas dimensións, non nos parece un camiño moderno. Non obstante, sempre teremos as reservas da época medieval.

Sabemos que a ponte actual é do século XVI, pero hai documentación en Muros (creo recordar que do ano 1281) na que se recolle que os límites da xurisdición de Muros chegan á ponte de Brandomil. Por ende, damos por feito que había unha ponte anterior á actual. Hai que ter cautela.

-Din que podería ser medieval, mais non son típicas ese tipo de construcións neste entorno rural.

-Brandomil evidentemente foi importante en tempos romanos. Sabemos que tivo un abandono drástico, e de feito o arqueólogo Juan Naveiro, que ten traballado moito por alí, di que puido quedar arrasado nos séculos II ou III. Despois desaparece dos textos, e volve a xurdir en relación á documentación muradana da que falabamos, despois coas posesións dos Traba, dos Trastámara e da casa dos Lamas, que seguramente serían os encargados de construír a ponte, para o cal poderían ter empregado unha infraestrutura viaria anterior.

A nosa experiencia profesional dinos que as vías medievais non son tan anchas, nin teñen beirarrúas ou verteaugas. Ademais, a ausencia de rodeiras de carro tamén nos levaría a descartar que se trate dun camiño moderno.

-Porén, os carros romanos non tiñan ese revestimento que é o que habitualmente deixa rodeira.

-Efectivamente. Os carros romanos eran máis rápidos ca de peso, pese a que tamén levaban mercadorías. As vías construídas na Gallaecia son, sobre todo, de tipo militar (como sería, por exemplo, a propia Per Loca Marítima) e para o propio tránsito de carretas. Se é unha vía que estivo en uso dende a época imperial ata a década dos 60 resulta estraño que non teña rodeiras, pero ao estar construída en chapacuña sobre area compactada con algún aglutinante, o que provoca que sexa moi flexible e non se vexa afectada polo peso.

-E que hai da extracción de recursos? A mina de Limideiro está moi preto e, por cronoloxía, encaixaría ben.

-Precisamente son os recursos o que farían de Brandomil ese lugar tan grande no seu día. Ademais da de Limideiro, hai outras dúas minas xa máis cara o norte, preto de Santa Comba, que están aínda por descubrir pero que sabemos que son moi grandes. Cal é o problema que temos? Os ingleses explotando as vellas minas romanas a finais do século XIX e comezos do XX, distorsionando a configuración típica dunha vía romana, pois abrandaron os pozos, fixeron galerías...

-Está claro que Brandomil non conectaba grandes centros de poder ou económicos.

-Cada vez están aparecendo máis restos romanos pola costa: como Moraime, tamén un gran centro, ou a vila de Santa Baia de Tines, moi importante. E hai sitios puntuais que parece que van enlazando cara Brigantium. Recentemente publicouse unha nova monografía sobre a Torre de Hércules na que se identifica un sillar na que aparece unha descrición dunha lexión romana - a Legio X Gemina (LXG)- da que temos outra descrición moi preto de Brandomil. Quizais isto nos indique que, polo menos, estaba no radio de acción do suposto trazado da vía Per Loca Romana, e que quizais fose a propia lexión quen a construíse.

-Cal é o próximo paso?

-A nosa proposta ao Concello de Zas é deixar a vía á vista en toda a súa extensión. Foi, precisamente, o que nos pediron os veciños, tamén. Tristemente, non é algo ao que esteamos moi acostumados os arqueólogos: que sexa a propia sociedade a que xere a intervención.