Paisaxe, historia e biodiversidade, os tres piares do turismo provincial

A Deputación promove a contratación de persoal para a promoción dos recursos do territorio


A Coruña / La Voz

Ser unha esquina dun país permite ofrecer unha diversidade turística e patrimonial moi especial. A da Coruña é unha provincia de contrastes, mares bravos como o da Costa da Morte, ou serras agrestes coma a do Barbanza; cidades monumentais como Santiago, ou vilas tranquilas como Ortigueira; bosques autóctonos como os de Sobrado dos Monxes, ou praias salvaxes como a do Vilar. Con toda esta realidade paisaxística e monumental, a Deputación aposta por un turismo sustentable e de calidade.

A para conseguilo, a Área que coordina o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, escolle o camiño da profesionalización, con dúas liñas de actuación: por unha banda, acadar a mellora da calidade turística colaborando cos entes de xestión que mellor coñecen as demandas dos turistas; e, por outra banda, traballar nunha mellor técnica de planificación dos concellos a través de contratación de técnicos especializados.

«Queremos ofrecer a provincia como un produto relacionado coa historia, a paisaxe, a biodiversidade, que vale tanto a través da promoción de turismo cultural como do propio coñecemento e a divulgación dos valores do territorio na sociedade local», esgrime o deputado provincial e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.

Dende a Deputación tampouco se desaproveita a variada gastronomía propia de cada recuncho, nunha comunidade que ten fama pola súa comida. Deste xeito, o ente provincial aproveita as feiras turísticas para difundir non só as súas elaboracións culinarias senón, sobre todo, a materia prima de cada comarca.

Na liña de actuación de promoción e desenvolvemento turístico, estase desenvolvendo un Plan de Patrimonio fundamentado en catro proxectos entorno ao patrimonio xeolóxico e arqueolóxico, e forxado pola cooperación intermunicipal coa Deputación. Estamos falando do Xeoparque de Ortegal en Ferrolterra, os parques do Megalitismo na Costa da Morte, a Compostela Rupestre nas Terras de Santiago, e a Idade do Ferro entre as rías de Arousa Norte, Muros e Noia.

Por outra banda, a Deputación ten unha serie de edificios que son claras iconas do patrimonio provincial. Esta Administración é propietaria da espectacular dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), as Torre de Altamira (Brión), o dolmen de Axeitos (Ribeira), a casa de Wenceslao Fernández Flórez (Cambre), as Torres do Allo (Zas), o mosteiro de Caaveiro (A Capela), o Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín (Vimianzo). Tamén administra os centros de interpretación do Mandeo en Chelo (Coirós) e Teixeiro (Curtis), así como o Eco-museo Forno do Forte de Buño (Malpica de Bergantiños). A Deputación xestiona na cidade da Coruña o Teatro Colón, a biblioteca provincial e o conservatorio profesional de danza.

2.677.500 €

Orzamento 2020

No vindeiro exercicio do ano 2020, a Deputación da Coruña investirá máis de 2,5 millóns de euros para a promoción dos recursos turísticos da provincia. Unha achega será para aportar subvencións aos concellos neste eido, concretamente unha partida de 1.149.500 euros. Por outra banda, os orzamentos do ano que ven da entidade teñen disposto un gasto de ata 328.000 euros para diferentes subvencións dirixidas a entidades que se dedican a promover o turismo na provincia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Paisaxe, historia e biodiversidade, os tres piares do turismo provincial