Retratos

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

28 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fala, nesta mesma páxina, o fotógrafo Fuentes sobre o traballo que facían antes, e de como cambiou en tan pouco tempo. Disto último cada un pode contar a súa experiencia persoal. Hoxe temos, sacamos e sácannos tantas fotos que, agás que sexan dunha calidade excepcional ou se tomen en momentos importantes, case nin as valoramos. Somos, e eu o primeiro, consumidores do fugaz. Nunca unha instantánea o foi tanto, neste mundo de redes infinitas na que un móbil calquera fai máis traballo nun día ca antes en media vida. Quizais por iso eu aprecio aínda máis, se cabe, o labor dos bos fotógrafos: como se nota a profesionalidade, o bo facer! Antes case non podías comparar, pero agora o bo, se tes algo de sensibilidade, vese e valórase. E págase.

Xa non son do tempo das fotos da emigración, de cando só se facían tres ou catro na vida e unha era cando alguén marchaba, ou se a mandaba dende aló. Diso sabe moito máis Luis Lamela, pero eu tamén teño algunha pola casa, en branco e negro ou sepia, miradas firmes e serias, retratos psicolóxicos e faladores dunha época da que non queda case nada. A min tocáronme as primeiras fotos nos novos colexios. Só dúas en oito anos! Terceiro e quinto do Labarta Pose. Moita psicoloxía aí tamén. Esas pintas son as que temos para agarrarnos algúns ao lembrar o que fomos. Un tesouro agora, pero antes non lle dabamos importancia. Nin tampouco cando retratistas como o que había na beira da ponte de Baio, aqueles días da feira, collían o peite, mollábano e repeiteábannos para que saísemos guapos os que non o eramos. Pero o que nos sacaba era unha ollada que parecía botar raios.