«Este circuíto é coma un fillo noso, así o sentimos»

DIEGO CASTIÑEIRA, TÉCNICO DE DEPORTES | Correndo pola Costa da Morte chega este domingo a Muxía, con novo record de inscritos


Carballo / La Voz

Diego Castiñeira Romero é de Cee, pero síntese moi de Muxía ao levar os últimos vinte anos de vida traballando neste municipio como técnico de Deportes do Concello. Este domingo será intenso para el, pois o Circuíto Correndo pola Costa da Morte chega a esta vila cunha nova carreira de atletismo.

-Como foron as inscricións?

-Pois moi ben. Pasamos dos 800, superando a cifra do pasado ano e todas as anteriores. Ademais, houbo moitas confirmacións de asistencia dentro do circuíto, que iso é menos habitual.

-Estamos ante un novo record. Que está pasando este ano?

-En xeral, cada ano imos subindo. De feito, neste, os inscritos en circuíto son 641, que é unha cifra xa importante, no sentido de que reflexa un interese moi grande das persoas en participar na práctica totalidade das probas.

-Onde está o pico de inscritos na pedestre que organiza o Concello de Muxía?

-Na 10K, como é habitual en todas as probas, aínda que se apuntaron bastantes máis nenos na categoría pitufo.

-Hai algunha novidade respecto á pasada edición?

-Mantemos tanto a data, como o horario e o percorrido. O primeiro, porque así a xente xa sabe de antemán que a mediados de xullo ten esta proba en Muxía. Respecto ó segundo, coa primeira carreira, a 10K, ás 10.30 horas, para precisamente ao estar no verán evitar temperaturas elevadas para correr. En canto ó terceiro, seguimos coa mesma modificación que fixemos o ano pasado. Desta maneira, saímos do porto, fronte ao Concello, e imos dirección ó santuario da Barca, para facer o circuíto de 5 quilómetros a dobre volta e así acabar no punto de partida.

-Con que lugares se topará o participante e por que terreo o fará?

-É practicamente todo asfalto, pero esta proba ten unha particularidade especial, que é a visita ó santuario da Barca. Trátase dunha ruta moi costeira, cun tramo urbano que tamén é moi bonito, sobre todo porque a xente anima. Tamén é importante o paso pola zona da praia de Lourido, onde poderán ver os avances do parador, que xa está bastante avanzado. Eu animo á xente a participar, sobre todo, pola beleza coa que se topará.

-Que corredores destacados asistirán?

-Non mirei aínda, pero supoño que bastantes de nivel do Circuíto provincial de carreiras populares da Deputación, no que tamén está incluída esta carreira. Tampouco fallarán ós habituais de Correndo pola Costa da Morte, sobre uns corenta, e de Muxía, imaxino que poderemos ver a Barca Toba, a atleta máis importante do noso concello, na proba 3K.

-A nivel organizativo, a canta xente move?

-Ao redor de 24 voluntarios de Protección Civil, 2 Policías Locais, 4-5 compañeiros das bicicletas e ós das motos, ademais dos operarios. Polo tanto, chegaremos ás 40 persoas tranquilamente.

-No seu caso, a que hora comezará a traballar?

-Ás seis da mañá, para ter montado o operativo tres cuartos de hora antes do comezo da proba.

-Adoita facer deporte?

-Si, estou inscrito no circuíto. O que pasa é que só adoito correr ás catro primeiras pedestres. Despois, como que o deixo a un lado. Ademais, son licenciado en Ciencias da Educación Física e levo facendo deporte toda a vida. Nesta carreira non participo. Gustaríame, pero non podo nin debo.

-Pola súa vinculación coa actividade deportiva, entendo que máis que ninguén estará moi contento co éxito desta iniciativa conxunta dos Concellos da comarca.

-Totalmente. Ademais, síntome como parte do circuíto, porque levamos nel dende o principio, dende hai seis anos, e é coma un fillo noso, así o sentimos.

-Que previsión meteorolóxica hai para o domingo?

-Dan un tempo estupendo para correr, cunha temperatura agradable. Non vai haber nin sequera vento, que iso si que é novidade aquí en Muxía. Parece que o contratamos. Agora só falta que se cumpran as previsións.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Este circuíto é coma un fillo noso, así o sentimos»