Escribira non hai moito sobre o que deben falar os mortos enterrados no cemiterio. Obviamente, temas e lingua común, que para iso son todos do mesmo lugar, razón pola que os emigrados non queren quedarse noutros países, xa que non entenderían nada. Poderíaselle chamar a iso unha variedade do realismo máxico, pero eu penso que é realismo parroquial sen máis. Unha maneira de matar o tempo nas horas mortas.
Son esas cousas que non cambian nos camposantos, pero outras si que o fan. Por exemplo, celebrar o funeral xusto despois do enterro. Xa teño sentido de varios casos na zona nos que primeiro vai o morto ao nicho e a continuación é a misa pola súa alma. Non sei se será que teño moitos anos xa, pero a min iso non me cadra. Claro que nisto das cousas fúnebres, os costumes de cada lugar mandan moito. É como os nomes de plantas ou apeiros agrícolas, que en apenas cinco quilómetros cambia por completo. Castaña e pataca. Mato e estrume. E así. Pois con isto do máis aló é o mesmo, que canto máis acó máis nos entendemos. Como poñer as fotos dos defuntos nas lápidas: práctica arraigadísima nuns lugares da Costa da Morte, e case aventureira noutras. Sei de onde acaban de empezar e todo son parabéns, con todo o respecto que ten dar boas palabras en actos tan profundamente dolorosos, pero enténdaseme: creo que é o mellor xeito de honrar a memoria dos seres queridos. E cando un empeza, irán os outros. Tamén me segue custando entender que haxa campás que xa repenican no enterro morto cun mando a distancia, ou co móbil. Aí non hai alma, pero en fin... E, xa postos a falar de cambios, a ver se se van poñendo máis inscricións nas lápidas en galego. Seguro que os que aí descansan tamén o entenderían mellor, e ademais eternamente.