«Non pensaron en fixar poboación»

Para o Observatorio Eólico de Galicia, o propietario do terreo é a parte máis débil. Cóntao Xavier Simón, economista e director da entidade


Carballo / la voz

Xavier Simón Fernández (Arbo, 1964) é economista e director do Observatorio Eólico de Galicia, creado en xaneiro pola Universidade de Vigo (onde é profesor) e as fundacións Juana de Vega e Isla Couto.

-Que grao de desenvolvemento eólico teñen as comarcas da Costa da Morte e do Barbanza?

-A nivel galego hai dúas zonas de alta concentración de parques eólicos. Unha delas está no norte de Lugo e a outra é precisamente a que vostede sinala. Ao contrario do que ocorre na serra do Xistral, en Alfoz, no Valadouro ou no Concello de Muras -onde hai 380 aeroxeneradores-, na Costa da Morte e no Barbanza hai unha efervescencia moi clara de repotenciación e de posta en marcha doutros.

-Por que?

-En Galicia houbo un parón de sete ou dez anos no negocio eólico provocado pola crise e pola inseguridade xurídica. Agora hai un novo esquema de apoio ás enerxías renovábeis e ao emprendemento neste campo, sobre todo desde a lei que impulsou a Xunta no 2017 e que facilita en grande medida a instalación de parques. Tamén polo aumento da demanda enerxética. Nesa zona estanse desenvolvendo parques con investigación e unha alta produción.

-Que vantaxes e que problemas supoñen para o territorio?

-En zonas rurais, con problemas vinculados ao modelo agrario, como a despoboación e o envellecemento, xorde unha nova industria que aproveita o recurso local, pero é instalada por axentes externos ás comunidades. Os efectos económicos son pequenos porque non participan da promoción. Teñen efectos nocivos como o ruído, a catalogación urbanística das casas ou o impacto paisaxístico de especial interese. Hai tamén algo positivo, e non só para as zonas rurais, que é a produción de enerxía limpa, aínda que teriamos que cuestionarnos o crecemento desmedido e poñer límites ao consumo enerxético.

-Son rendibles?

-Absolutamente, para as empresas propietarias. A tecnoloxía avanzou moito e quen inviste en parques eólicos recupera os cartos en 10 anos. Tendo en conta que é unha industria que ten 20 ou 25 anos de vida, é un moi bo negocio. Para as comunidades, desde o punto de vista da xustiza enerxética, debería contribuír ás cativas rendas dos gandeiros ou dos horticultores, abrindo a posibilidade de que as comunidades do medio rural promoveran parques ou tiveran unha parte máis activa para definir onde se poden instalar ou no reparto dos beneficios.

-É distinta a situación segundo a comunidade autónoma?

-En toda España os parques eólicos son de utilidade pública, polo que poden expropiar. A pena é que teñan pensado máis nas empresas que na necesidade de fixar poboación, que non crearan un marco normativo que non impedira ás comunidades rurais participar en maior medida.

-Daquela é unha cuestión de negociación.

-Pero moi asimétrica. Como son de utilidade pública o promotor diche que ou aceptas a proposta ou te expropia, e sempre é mellor un mal acordo que unha boa expropiación. O que teñen que facer os propietarios é non precipitarse e negociar colectivamente, porque van ter máis forza. Hai que pensar que as empresas eólicas chegaron a Dumbría, por poñer un exemplo, para quedar toda a vida. É unha autorización que non caduca. Non teñan présa por ser os primeiros que asinan porque van estar alí por xeracións. Hai que facer beneficiarios disto aos cidadáns porque pode ocorrer que o goberno chinés, polo proceso de liberalización, estea colocando os nosos recursos no seu mercado e as comunidades locais non poidan participar. Os concellos e o Goberno autonómico deberían implicarse para conseguir mellores rendas.

-Pero hai concellos que non o fan.

-No Observatorio vemos o caso de concellos que aproban a eliminación do ICIO ou unha rebaixa dos impostos. Deben pensar que é moi boa idea regalar eses cartos a compañías multinacionais. Deben ter unha situación de tesourería moi saneada. Isto é o nunca visto.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«Non pensaron en fixar poboación»