Os adeuses

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Hai moitos adeuses. Os máis fondos son os que se lle dan ás persoas queridas que se van, en parte ou para sempre. Como aos emigrantes de antes: así se chama (Os adeuses) a exposición de Martí Villardefrancos, que os retratou no porto da Coruña. Había moitos da Costa da Morte. Facianas como mapas da vida máis dura.

Hai adeuses discretos e inadvertidos: os das leiras, os da terra, os dos tempos dos agros que entroncan coa nosa Idade Media, que é unha idade eterna. Coñezo moito o caso dunha casa de Zas que segue botando millo de esfolla (xa bastante mérito ten), que ademais faino gran a gran, sen sementadora (foi un atraso, pero inevitable por usar o que se chama de fóra en vez do do país, polo tamaño), e que este maio, por primeira vez na súa pequena historia, contratou unha máquina desas que van co tractor e que fai todo o traballo de dous días en hora e media. Outra volverá en outubro a recollelo e esfollalo, cambio supremo: adeus ás rogas na beira das medas, a preparar os monllos, a botar a espiga no cesto, a empregar polo menos dúas semanas, chuvia mediante, e sacar adiante todo o traballo. En dúas horas, quitado o tempo que leva gardalo no cabazo -que non é pouco- a leira quedará limpa. A moitos daralle a risa ler isto, sabendo como sabemos que moitos labradores, ou ben deixaron os cultivos hai moito, ou ben asumiron a modernidade tamén tempo atrás. Pero iso non vale: os que levan toda a súa vida coas mesmas tarefas, por moito que aforren esforzos -e o seu dorido corpo vaillo agradecer- seguro que no fondo botarán de menos eses costumes vitais.

Tamén sei de quen deixou hai nada o carro das vacas...