Varios grupos e moita xente participaron na presentación do disco «Aínda queda xera», de VintenBaio
06 ene 2017 . Actualizado a las 11:24 h.Estaba anunciada como unha foliada (a segunda, trala do ano pasado) solidaria, e efectivamente foi tal: houbo moita música, moitas cancións, bailes, festa no horario establecido e moito máis aló da medianoite. Pero o que se viu e disfrutou o mércores no auditorio de Baio foi unha mestura de moitas máis cousas que teñen que ver, por suposto, co eido musical, pero tamén co educativo, o social, o cultural e o solidario. Empezando por isto último: os asistentes tiñan que levar algún tipo de alimento ou xoguete a modo de entrada, que serán agora repartidos entre os que máis o necesitan de Zas, a cargo dos Servizos Sociais municipais.
Non se quedaron curtos, ao contrario. «Houbo quen foi á compra e levaba bolsas», sinalaba Manolo Maseda, músico e director do instituto Maximino Romero de Lema de Baio, que é o punto fundamental desta actividade. Neste centro estudan os rapaces que integran o grupo de música tradicional VintenBaio, que acaban de presentar o disco Aínda queda xera. E fixérono xusto no medio na foliada, tocando varias pezas ante un auditorio entregado. O disco pódese mercar en varias tendas de Baio e foi editado por eles mesmos, ademais de decidir todo o proceso que o rodea, do primeiro ao último detalle.
Hai algo tamén de orgullo, de autoestima, de presumir de modernidade a base de música de sempre, en todo este proxecto. Mesmo o orgullo e a capacidade de saír a un escenario e amosar todo o que se vai aprendendo, con integrantes que, curso a curso, van e veñen.
Non estiveron sós estes rapaces co seu novo traballo. Foron pasando uns e outros. Uns como o propio Maseda, acompañado de Sechu Sende, Alba María e dúas incorporacións, Sara e Esther. Outros, regueifando, antes e despois de que tocaran os de VintenBaio, coa colaboración de integrantes de Oîma, Taghaitaí e Do Fondo do Peto.
Despois tocaron Os d’Abaixo, de Compostela, con músicos ben coñecidos e virtuosos que pasaron por grupos como Fía na Roca ou Berrogüeto. Un luxo que se mantivo coas pandereiteiras e cantareiras de Tanxugueiras, trío que vai dar moito que falar pola calidade que amosan.
Maseda estaba moi satisfeito polo resultado e polo traballo en xeral, desenvolvido polo propio grupo e polo alumnado de Artes Escénicas e xestión Cultural de primeiro de Bacharelato, materia propia do instituto que, se se fai nalgún outro, non se coñece, así que o carácter innovador non hai quen llo quite. Serve para os rapaces, pero tamén «para abrir o centro ao pobo», sinala o director. E con moi boa resposta «e moito respaldo das familias». Os chavales dedican parte do seu ocio a este proxecto, no que a música e un vehículo para moito máis. E tamén algo moderno, eliminando de raíz o tópico de que a tradición instrumental non o é.
A foliada deu de seu das 8 da tarde ás 12 da noite, que ese era o tempo programado, pero non rematou aí. Moitos do participantes seguiron por rúas e bares de baio ata, polo menos, as 5 da madrugada. Con moita animación e moitas cancións.