Estreamos o 2017 cunha excelente noticia para a nosa bisbarra: o restaurante Casa Lestón de Sardiñeiro cumpre cen anos de vida, que é o mesmo que dicir un século de historia entre os fogóns prestixiando a gastronomía deste confín atlántico.
Nestes tempos de primacía dos produtos light nos que o efémero devora sen remorsos o elemento tradicional e onde as modas pasaxeiras ameazan calquera vestixio de feitío clásico, non deixa de ser un milagre, un oasis no deserto, que un pequeno negocio familiar chegue a centenario. Habería que estudalo, analizalo a fondo.
Poucos establecementos poden presumir de estaren aí, ao pé do canón, durante tanto tempo de xeito ininterrompido. Cinco xeracións en activo non son moco de pavo, semellan mais ben caviar de esturión, alfaia luminosa.
Hoxe, ademais, nestes tempos de urxencias e de fast food, nos que quen máis e quen menos se considera un Ferrán Adriá, un Chicote ou un Pepe Solla, inducidos pola febre dos televisivos programas culinarios.
Casa Lestón é outra cousa. É a esencia da cociña tradicional, a de toda a vida, a que sempre está e estará de actualidade, a que alimenta os sentidos, a que nunca deixa indiferente.
De aí que este ano celebren o seu primeiro centenario, que non será o último, nin moito menos. Merecen o noso aplauso, o noso agradecemento e a nosa admiración.
Porque son o orgullo da gastronomía da Costa da Morte, o espello no que se deberían fixar as novas xeracións de restauradores do país. Esas que algún día situarán a nosa comarca na vangarda culinaria de Galicia.