Lendas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

26 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora que xa non se trilla na eira, o que se trillan son os temas. O abandono do léxico tradicional, construído durante séculos e ligado sobre todo á vida agraria, é un dos meus preferidos. Non porque me guste o que pasa (ao revés), senón pola mágoa de que desaparezan termos que ás novas xeracións xa nin lle soan (e ás vellas vánselle esquecendo), e pola ansia de turrar a ver ser alguén polo menos lle mete man lingüística aos maiores, ou aos libros de referencia, para rescatar algunha.

Os esquecementos non son exclusivos. Outro ten que ver co saber e cos medos populares. Comentábao o outro día un veciño das Encrobas, a propósito de todas as mámoas que houbo por alí, e das fontes que lle chamaban sanadoras ás que xa case ninguén acode, e os lugares para ritos agrícolas ou de meteoroloxía que eran destino habitual dos habitantes de varios vales da redonda. Si, todo iso tamén esmorece. Boa parte da culpa témola un par de xeracións que, co cambio dos tempos e o acceso aos estudos, en anos mozos mantivemos certo desleixo cara eses ritos. Despois vaste dando conta do erro, pero cando xa é tarde. A racionalidade convive perfectamente coa herdanza de costumes que eran a única táboa de suposta salvación para os que non tiñan outra maneira de buscar remedio. E quen di iso (fontes de verrugas, pedras do cu, carballos casadeiros...) di tamén as ligadas a castros ou rochas. De mouros que por suposto non eran árabes, de roldas ou santas compañas que xa podían volver para darlle un susto nalgunha corporación, de pitos e galiñas de ouro, de tesouros soterrados... Así voaba a imaxinación cando non había PS4. Por haber, non había nada, e sobraba a fame e a ansia de supervivencia. Tal vez por ir ambas ligadas deixamos que todo iso morra para sempre.