«Aquí, a inspiración está en todas partes»

Carolina Núñez Andrade, P. B. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

marcos creo< / span>

Manuel Gago presenta hoxe o seu libro «O anxo negro» na Feira do Libro de Cee

19 ene 2021 . Actualizado a las 23:54 h.

Despois de percorrer moitas aldeas e de atopar información sobre sucesos de roubos eclesiásticos acontecidos nos anos 80, un xornalista de profesión como é Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976) non puido nin quixo deixar pasar estes feitos por alto. Faltábanlle os datos precisos para facer unha reportaxe de non ficción, pero aquelas referencias, de persoas de toda Galicia, si tiñan cabida na literatura: así naceu O anxo negro. «Pareceume algo incrible», explica Gago sobre eses feitos. Iso encheuno de inspiración para escribir cada unha das palabras que conforman o libro, e que hoxe presenta no Museo Fernando Blanco de Cee, ás 20.00 horas, na Feira do Libro. Acompañarao Salvador Mosteyrín.

-¿Como podería resumir esta novela?

-É unha historia que esta planeada na Costa da Morte, que conta como uns veciños, dunha parroquia imaxinaria, buscan a escultura de Santa Mariña, moi querida e apreciada. O que fai é relatar en ficción o que se viu en Galicia, digamos a partir do Vaticano II. A expoliación dun montón de patrimonio relixioso e rural, unha información recollida en moitos testimonios persoais. Esta Santa Mariña, que se cadra non sexa Santa Mariña, quizais agocha unha historia moito máis humilde e densa do que é unha simple imaxe relixiosa. Os protagonistas son un capitán retirado da mariña mercante e un rapaz que ten un bar. É a eles a quen a parroquia lle vai encargar que intenten localizar o santo perdido. A novela está ambientada en moitísimos sitios, porque a vista dos anos 80 é un espazo moito máis dinámico do que nós pensamos.

-Entón falamos dunha novela fundamentada en feitos reais.

-Si, atopei unha circunstancia moi interesante. Aínda que moitas veces buscaba outras cousas, encontreime con que a xente me contaba esa historia de fai dez, quince ou vinte anos, que alí había uns santos moi bonitos que o cura vendeu ou que de repente viñera alguén a roubalos e desapareceran. Todos estes acontecementos tiñan unha serie de elementos en común, como que uns días antes se andara cas imaxes ou que desapareceran e o cura non estaba.

-¿É un suceso exclusivo de Galicia?

-Empecei a investigar e descubrín que foi algo que aconteceu en toda a Europa católica. O suceso acaece despois do Vaticano II, cando a igrexa cambiou un pouco a forma de facer liturxia. Considerou que o mundo dos santos era menos importante que a propia misa. Entón, nas aldeas galegas que os santos son moito máis importantes que deus. Isto foi un pouco traumático. O que pasa é que me dei de conta de que había unha serie de pautas comúns. Nunca desaparecía o santo patrón, sempre se roubaba figuriñas un pouco secundarias, nunca se denunciaban e como non había inventarios era imposible demostrar as sustraccións.

-Escritor, arqueólogo afeccioando e xornalista, entre outras moitas cousas. ¿Como consegue compaxinar todo iso?

-Primeiro con ganas, porque se non, non podes facelo. Segundo, teño varias sortes e unha delas é a de contar con equipos humanos excepcionais. Moitas veces eu non fago máis que de catalizador, facer que a xente que ten capacidades complementarias poda soltarse, e entre todos levar a cabo un proxecto común. Ademais, defendo que sempre temos que estar en continuo aprendizaxe, por iso fago cada tres anos un cambio de ciclo para interesarme por cousas diferentes da miña profesión.

-¿Onde atopa a inspiración?

-Para poder escribir O anxo negro tiveron que pasar vinte anos. Vinte anos de conversas, de encontros, de viaxes, vinte anos de memorias que de repente un día acaban fermentándose e uníndose entre si. Temos a sorte de vivir neste país, que é Galicia: aquí, a inspiración está en todas partes. As historias están aí e só hai que baixar un pouquiño o lombo para poder collelas. A veces sorprenden os acontecementos incribles do noso pasado, moitas veces busco inspiración niso, no que me rodea.

-¿Tamén nas outras obras?

-O gusto pola arqueoloxía venme pola influencia da nosa terra, de Galicia, e o da gastronomía un pouco polo mesmo. Interésame a cultura e os galegos temos as nosas peculiaridades para transformar o entorno. A gastronomía cóntanos moitas historias.