Internet

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

20 jul 2016 . Actualizado a las 22:48 h.

Teño certo tremor de que un dos grandes avances tecnolóxicos, que nos permiten dispoñer de ferramentas moi sinxelas e popularizadas para o intercambio da información e do coñecemento, como é o caso das tan familiares tres www (world wide web), esa gran rede mundial informática, está sendo ameazada pola pretensión monopolista dalgunhas multinacionais, como Telefónica, Orange, Vodafone... para eliminar unha Internet libre e aberta como é a que coñecemos e gozamos hoxe en día, denuncia a organización Avaaz.

Segundo parece, que isto non aconteza no noso entorno, depende da UE, e cos antecedentes e consecuentes que coñecemos desta cada vez máis invertebrada institución podemos esperar o inesperado e iso sería unha gran catástrofe para o desenvolvemento económico, social e cultural deste mundo global que, se ben ten as súas eivas, tamén nos reporta grandes oportunidades. Así son cada vez máis as plataformas, empresas, franquicias... que se dedican á venda e intercambio de todo tipo de produtos ou prestación de servizos, incluído o sector alimentario, unha tendencia en auxe que a web transformará nun gran poli-multi-hipermercado.

Todos, ou case todos, somos conscientes de que toda esa dinámica, tanto económica como social e cultural, xurdirá da iniciativa privada, pero precisa xa dunha lexislación adaptada, establecendo as regras de xogo existentes nos intercambios convencionais e que deberá promover a diversidade, a igualdade e a competitividade. Emporiso Internet debe seguir sendo libre e democrática.