O brexit

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

CARBALLO

29 jun 2016 . Actualizado a las 21:48 h.

Tiña que ser. A UE non funciona con xeito, así que un país das características históricas e idiosincráticas como Inglaterra non podía aturalo, emporiso Margaret Thatcher estaba en contra a pesares de asinar a Acta Única Europea en 1986, máis como un acto de condescendencia que polas perspectivas que a sagaz política xa albiscaba. ¿Como ía desenvolverse un proxecto que tentaba equipararse cos EUA feito con retallos tan dispares como os países europeos? Agora ben. ¿Hai algo aproveitable daquela idea? Haina, pero antes cómpre dicir que o brexit vai prexudicar aos sectores pesqueiro e agrícola galegos en beneficio de Francia, agás que España se opoña e a UE non o permita. ¿Complicado, verdade?

Para construír un obxectivo unido o primeiro que se precisa é harmonía para que dentro da diversidade haxa uniformidade e xustiza, pero a Europa de hoxe en día procede de realidades socio-políticas, culturais e históricas moi dispares, guerras incluídas, que aínda non están superadas. Por exemplo, non hai harmonía cando nove dos vinte e oito non teñen o Euro como moeda común, pero gozan das demais vantaxes.

Tampouco pode funcionar a unión económica sen a unión política e, máis importante aínda, a unión ideolóxica. Europa ten que amosar vontade e valentía ilegalizando, por unanimidade, partidos con idearios nazistas, comunistas e semellantes, porque son incompatibles coa democracia e, por ende, coa liberdade. Tamén é xusto recoñecer que son atinadas as políticas de rigor económico e orzamentario, control do déficit público e redución da débeda soberana.