No día da muller traballadora, que como sabemos -polas que temos cerca, especialmente- son todos os do ano pero acabamos por conmemoralo cada 8 de marzo, sempre me vén á cabeza, aínda que sexa por uns segundos, as imaxes das mulleres que, hai 90 anos, fixo en Galicia a fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson. Todas as súas fotos son dignas de estima, porque ofrecen una radiografía social e paisaxística á que dificilmente poderíamos achegarnos de maneira tan real. Pero as de nenas, maiores, traballadoras da casa e redeiras, palilleiras e leiteiras (a imaxe das que van por Muros ten unha forza artística case épica) ofrecen ao espectador unha dignidade que transcende do mero retrato. Igual me equivoco, pero parece que Ruth, que percorría a Galicia de hai 90 anos xustos acompañada do seu pai, quere darlle un toque de elegancia, de saber estar, para convertelas en modelos de porte e con moita personalidade. Que nada leve á mágoa incluso nesas nenas que se ve que non teñen unha vida cómoda carrexando de todo, senón á admiración. Tamén pode ser que non tivese que facer nada máis que disparar: todo ese cumio de fortalezas son naturais e o único que fai é reflectilas ben. E seguramente sexa isto. Os tempos por aquí nunca foron moi bos, e menos para elas, sempre con dobres e triples tarefas, mantendo as familias e as sociedades como sempre fixeron os matriarcados.
Vale moito a pena, se se pode, ver as imaxes de Ruth Matilda, sobre todo as feitas na Costa da Morte. Así somos, así foron, así eran: eles e sobre todo elas. Noventa anos de mulleres sufridas, aguerridas, traballadoras.