Cantareiras e regueifeiros están presentes na unidade didáctica sobre as Polafías
29 feb 2016 . Actualizado a las 12:15 h.Tras recoller en vídeo o patrimonio da literatura popular da comarca, a Asociación de Escritores en Lingua Galega da agora un salto desde a preservación á difusión a través dunha unidade didáctica.
Este traballo, A literatura popular nas Polafías, foi elaborada baixo a coordinación de Antonio Reigosa, responsable desa área na AELG, e o filólogo malpicán Xosé Manuel Varela Varela, e está pensada para realizar actividades grupais sobre contos e poesías populares, lendas, comparsas, regueifas, panxoliñas e refráns e frases feitas. A unidade didáctica pódese descargar desde a páxina da AELG e recolle os enlaces para ver os vídeos gravados en lugares da comarca como Cerqueda, Cabana, O Couto e Tallo, e nos que participaron veciños como a cabanesa Dolores Macías -que en datas próximas recollerá o premio Mestra da Memoria 2016-, Teresa dos Cucos de Pontella, Plácido Meiruco de Neaño, Matilde Castro de Limiñoa e os regueifeiros Suso e Antonio de Xornes, Xosé de Severo de Borneiro ou o falecido Fermín da Feira Nova.