Sons

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Estamos demasiado pendentes dos sons dos móbiles. Alertas de WhatsApp, de Facebook, de Twitter, de Instagram, de Messenger... Si, incluso de que nos chamen, porque os teléfonos portátiles tamén serven para falar, aínda que algún non o saiba. En calquera sitio, no traballo, nun bar, nunha reunión, escoitamos esas campaniñas que xa identificamos ao momento, moitas veces porque escollemos un tono para cada cousa. Estamos asistindo, sen darnos conta, a un cambio sonoro, deixando atrás para sempre as habilidades auditivas que tanto axudaron aos nosos antecesores, e adaptándonos aos novos tempos. Son cousas que pasan.

Pero aínda lle ha de custar. Hai ruídos que axudan a situarnos, cheos de información. As bocinas dos panadeiros ou dos xureleiros (dá igual o peixe que leve: para moitos sempre será xureleiro.) Dende lonxe xa se escoita e, se estás na leira, chegas a tempo á casa. O mesmo que os da froita e resto de venda ambulante. Parece que son todos bocinazos similares: falso. Os matices, se cadra incluso na lonxitude da onda, son dun ou doutro. Punto. É como cando ladran os cans, que lles parecen todos idénticos aos que non os coñecen, pero vaia se se distinguen. Ollo, non falamos só da aldea, tamén en vilas grandes, como Carballo, esas pitadas son parte inherente a moitas rúas. Case che dan ganas de baixar a mercar un molete cando os sentes.

Máis: o afiador. Ás veces aparece. Imposible confundilo con esa especie de harmónica de silbato. Ata polo medio de Santiago ía en tempos. Eu prefiro o da praza, os domingos de feira: escoitar a roda e o roce do ferro en vez da músiquiña que sobe e baixa. Ou as campás a morto. Os días como os de onte, de inverno puro, estremecen máis aínda. Non son irrelevantes: hai pobos grandes en número, por exemplo Baio, onde se manteñen manualmente. E cada toque significa algo, nunca bo, e todos entenden. Ou os sons dos animais: escoitalos é lerlle os labios, saber que lles pasa. O que o sabe, claro. Poucos. Os novos tamén o saberán, pero só se hai algunha aplicación que o permita.