APedra de Abalar parece que se recupera da súa grave lesión, debida á forza dos elementos. Claro que seguro que tamén fora outra forza a que a pousara alí, e que a foi labrando, polo tanto o que veña ocorrendo e non se deba á man do home debería entenderse como algo natural, como unha volta máis ao ciclo da vida, tamén do das pedras. Imos pensar que os tempos evolucionan e a menciña arqueolóxica axuda, ademais de reparar, a domesticar e a servir. Porque, se non, nunca tocaríamos nada.
Todos os esforzos fanse co fin, alí na Barca, pero non cos medios. Por setembro, seguen sendo milleiros os romeiros que van cumprir a súa promesa, case todos polas estradas. Lembro de pequeno, cando iamos ao mato (toxo, estrume) pasabamos por esqueiros ben feitiños e os vellos dicíannos que por aí pasaba o camiño da Barca, que por suposto tamén se aproveitaba para ir á feira a Baio e a outros lugares. Veas estreitas entre pinares polas que, cando mo contaban, a min aínda me parecía ver aos veciños saltando aquelas pedras, deixando pegadas perdidas de ida e volta que a saber cando empezaran. O que si sei é que morreron. Como aquel camiño, outros máis. É moi difícil, penso que imposible, pero que bo sería poder recuperar aquelas vías (algunhas, claro), boa parte cubertas de maleza, ou desaparecidas. En moitos casos, con cruceiros ao lado, igualmente esquecidos. Ou pedrafitas, valados que tiveron algo que gardar, mesmo inscricións que se borran como as letras gravadas nos abeneiros.