Helicópteros

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Son deses anos nos que se vían poucos helicópteros. A maioría, cando chegaba a primavera, pola beira dos ríos, buscando a frescura. En realidade eran cabalos do demo, pero pola forma e os aires que se daban para nós eran aparatos voadores.

Así que, cando un día nos chegaron varios helicópteros dos de verdade, grandes e verdes, coas portas abertas, como os das películas do Vietnam, é doado imaxinarse como nos puxemos. Eran do Exército, aterraron nas pistas que había detrás do colexio Labarta Pose de Baio, estiveron alí uns minutos, os soldados saudáronnos e volveron a marchar. Non foron lonxe, porque tiñan o campamento no Allo. Nada disto é broma: hoxe é impensable algo así, cos colexios máis protexidos que as bases nucleares (lembro tamén cando pasaban os carros de vacas polo medio, seguindo antigos camiños que

xa deixaran de existir, como as ovellas pola Castellana), pero daquela cada día era una sorpresa. Claro que ningunha coma esta.

Polo tanto, podo comprender a impresión que se levaron eses rapaces de Guitiriz co temido Pegasus da DGT metido no patio varios días. Onte estaban alí, todos derredor. Pero xa non é o mesmo. Non o digo pola cor do aparato, senón polos mundos. Aqueles helicópteros son agora fugaces imaxes na nosa memoria de rapaces. A algún xa lle marcharon, como puiden comprobar. Se cadra ata os magnificamos: xa non sei se eran dous ou catro. Os chavales de Lugo xa terán o seu de salvapantallas, e mil veces comentado no Facebook: memorias que non se borran.