Emigracións

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

04 mar 2015 . Actualizado a las 13:23 h.

Lía onte neste xornal dúas historias de emigracións. Unha, a Antonio Carreira, que comezou fregando pratos en Londres hai 40 anos e hoxe ten varias empresas. Outra, a de Joaquín Lado, catedrático de Endocrinoloxía en Texas, quen en 50 liñas ensinaba máis das miserias diarias do país máis forte do mundo que en 50 libros. Un e outro, dous mundos moi distintos aos que se tiveron que enfrontar milleiros de persoas.

Sempre me chamou a atención que, dependendo a onde che tocara marchar, as oportunidades serían moi diferentes, con independencia da valía e da sorte. A cuestión xa non era só deixar a terra e probar sorte lonxe, con outro idioma, outros costumes, outra maneira de ver a vida. A clave estaba sobre todo en a onde che tocaba ir. Nunha mesma parroquia o azar podía levarte a Suíza o a Inglaterra dependendo do primo, o amigo ou o veciño. E esa casualidade xa marcaba en certo modo o que che esperaba. En Inglaterra, por exemplo, sempre houbo moitas oportunidades, pero, como en Estados Unidos, moitas desigualdades. E individualismo. Londres come todo, ata a nostalxia da terra. Sei de algún caso de xente do mesmo concello que pasou máis de 40 anos vivindo a 100 metros e apenas se falaron. Non por mal: así son as cousas no miúdo do capitalismo.

Con Suíza transplantáronse as parroquias. Xa non é o mesmo pero a rede de centros que houbo durante decenios facía imposible esquecer o de cada un. A terra sempre estaba e sempre está, aínda cando non había as comunicacións de hoxe. En Londres, a memoria revivía paseando cara a zona norte ulindo os bieiteiros por xuño. En Xenebra, facendo roldas pola Irmandade Galega, a Nosa Galiza, Tordoia, Cerceda... Por non saír a outras cidades. Parecen detalles menores, pero este fenotipo migratorio condicionou a vida de tantos e tantos veciños, e aínda o fai. O mesmo podería dicir de Canarias, sobre todo Fuerteventura, con moito aire helvético (non o que chega de África) , malia os tremendos remuíños dos anos de gloria salarial.

Din que somos o que comemos, e é certo, pero tamén somos sobre todo o que emigramos. Aínda hoxe.