Adrián Abella: «Fun ver a Carmen pola miña comenencia, debido á súa elevada idade, para preguntarlle polos recordos sobre a Malpica da súa infancia. Quería saber cousas de Malpica, aclarar ideas, resolver dúbidas que me xurdían ó falar con outros veciños maiores, comprender fotos de comezos do século XX. Aprendín moito con ela de Malpica... e puiden aprender moito máis... Pero no medio das conversacións empezaron a saír temas persoais, e aí foi cando me namorei dela. Ao falarmos de cando era nena ou mociña, cambiáballe a mirada e tremaba de emoción, como se me levase da man ata o ano 1919 ou 25 ou 32 ou 34 ou... Eu nadaba con ela a primeiros dos anos 20 pola Ribeira ata a cetaria de Petraio, e subía a unha pedra que había no camiño, para coller alento... Entraba naquela escola de Dona Ramona... Apoiábame no Nil ou na Albarda, tomando o sol ao abrigo do nordés, ó carón de Carmen e do meu pai e doutros mozos malpicáns de finais dos anos 20 e comezos dos 30 [...]».
Viki Rivadulla: «A historia de Vitorina non remata como eu quixera, o que eu quería escoitar non o escoitei. Eu quería escoitar que a fuxida épica desta muller servira para que vivira ceiba. Quizais a historia sería diferente se ela deixara atrás aos seus fillos, en Muxía. Pero non os deixou. Canto quería era vivir tranquila, con eles. Síntome moi orgullosa de pertencer á familia desta muller valente e destes nenos e nenas que con ela derrubaron o muro da casa, e marcharon. O que pasou logo foi froito dunha sociedade misóxina e machista [...]. A miña obra está feita dende a admiración e o respeito máis absoluto. Quixen pintar a Vitorina e homenaxeala no momento en que foi unha muller libre e valente, para levar con ela canto quería, os seus filliños, e botarse a camiñar sen mirar atrás».