Polos límites

CARBALLO

Oinverno nunca lle pegou moito ás imaxes turísticas da Costa da Morte. Nin sequera as fotos dos temporais se aproveitan, cando en rexións como a Bretaña os faros e cantís azoutados polas ondas son símbolos que os identifican por medio mundo, xuntando a beleza plástica co carácter fero, dous alicerces bos para a personalidade.

Tampouco figura a nosa luz das estacións que non existen. Agora estamos nunha desas: os días de decembro que parecen de outono; aqueles de marzo que aínda son invernais, e os primeiros de xullo que desprenden primavera. Son tempos como de límites, e igual que pasa cos que separan as comarcas, é bretemoso onde acaban e onde empezan.

Aí está a fermosura do difuso. De espazos fóra de grandes rutas, guías, fondos de pantalla. En días como estes de xaneiro, anódinos, nos que nin empeza nin acaba nada. Pode que neses lugares haxa pequenos tesouros, dos que se collen á hora xusta. Como as auroras do norte.

Vai un exemplo: estrada de terra entre Caión e Carballo, cara Leira e logo Pedra do Sal, polo litoral. Case sen casas. Ondas batendo. O sol con esa cor cobre que só amosa cando quere, nos días fríos de ceos claros e noites ás seis e media. A escuma saltando, o ruído xordo, a soidade derredor, por quilómetro. Campos verdes con valados do pasado cruzando un cumio. Furnas ao lonxe, monte baixo, as primeiras chorimas, aire atlántico. Non é Irlanda nin Escocia, xa lles gustaría a elas.

E coma este hai máis. Pero por empezar polo norte.