A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, ademais de revitalizar a figura do bardo e de promocionar a lingua e a cultura galegas, ten entre os seus cometidos a formación global de rapaces e adultos, así como o desenvolvemento socioeconómico do medio rural. Deste xeito, cada dous anos, en colaboración coa Xunta, pon en marcha un programa no ámbito sanitario (PonteBEN) que proporciona información actualizada sobre distintos ámbitos. Neste 2014, a proposta vai dirixida ao alumnado dos colexios de educación primaria do municipio: o Eduardo Pondal pontecesán, do cal é director José Venancio Ures; e As Forcadas de Corme, con Aurelio Pombo ao fronte. O programa desenvolverase entre o día de hoxe e o 8 de decembro, con propostas de cociña saudable a cargo de Juan Jesús Mato e de nutrición a cargo de Olga Rodríguez. En paralelo, haberá varias actividades de dinamización lingüística, con obradoiros de teatro cómico impartido por Os sete magníficos máis un, e coa obra As fabas máxicas.