Festa da Fabada, hoxe en Paiosaco. Bo día para achegarse e comer as fabas e, xa que estamos, ver a feira. Pero moitos non verán máis ca as legumes preparadas. Nada do que hai detrás. Ou do que houbo, porque nesta, como en tantas cousas, pode máis o pasado que o presente. Sempre o vin como un cultivo de transición, un complemento de descanso tras a dureza das patacas e a crueldade do millo. A etnografía está moi ben agora, pero non cando hai que estricar os brazos da mañá á noite.
Fora unha revolución sacalas do medio dos pés de maínzo e dedicarlle un cachiño de leira. Parecía que se apañaban soas. Os brazos non sufrían entre as follas cortantes. Así aguantan en moitos lados aínda. Boas de carrexar, galladas enredadas. Secando na eira, primeiro na ramada, despois sen ela. Correndo a gardalas se viña a auga. Escollelas, metelas nas ca, pesalas coa roldana, vendelas: aquelas feiras. Os compradores pelexaban por ti antes de parar o coche. Miraban a mercancía, os tipos de faba, tanto, tanto, tanto. Houbo xeracións que case se fixeron íntimos dalgún daqueles empresarios que ían sempre a Baio.
As fabas teñen unha sonoridade especial. Abrir a vaina cando está verde, e sobre todo cando seca, estalando. Son praceres pequenos cando só se enche o bolsillo da sensibilidade. Pero o mellor de todos é invisible: escollelas. Nun alto, buscando a brisa, como co trigo ou o co orxo. Traballo profesional, de mans vellas. A que as limpaba sabía por onde viña a única brizna, e pescábaa. Sempre o admirei. Aqueles si que eran, si que son, superpoderes.