Esta tarde manterá un encontro co sector hostaleiro de Vimianzo: será na Casa da Cultura, a partir das 17.00 horas
01 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.A Casa da Cultura de Vimianzo acollerá esta tarde (17.00 horas) un obradoiro dirixido ao sector hostaleiro do municipio. Leva por nome Patrimonio gastronómico de Vimianzo nas xornadas de outono e encargarse de desenvolvelo Jorge Guitián, nacido en Vigo, pero veciño de Boiro hai xa un tempo. Gastrópodos é o nome da súa empresa, que ofrece distintas actividades enfocadas a este sector (son axitadores culinarios), e que naceu, resumindo moito, da fusión do Laboratorio de Ideas Gastronómicas que fora creado por este licenciado en Arte e de Pannepanna, un proxecto de divulgación culinaria impulsado por Anna Mayer. Guitián, ademais, gañou hai uns anos o Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, na categoría de páxina web, con Diario del gourmet de provincias y del perro gastrónomo. O obradoiro desta tarde está enmarcado nas xornadas gastronómicas que, dende o 2011, desenvolven os establecementos de hostalería, panaderías e pastelerías do municipio.
-¿Que ten pensado ofrecer en Vimianzo? ¿Que ideas trae?
-Máis que dunha charla, vai ser unha posta en común entre o que eu poida aportar e a experiencia que teñan xa os hostaleiros, que son os que coñecen o terreo. Falaremos algo de todo, da tradición gastronómica que temos, do produto e tamén da oferta que hai en Vimianzo, de xeito que poidamos identificar cales son os puntos frouxos e cales as saídas viables tendo en conta as características do lugar. Trátase dun pobo relativamente pequeno, ten ese factor da arqueogastronomía... En definitiva, trátase de camiñar cara unha imaxe de marca que faga de Vimianzo un sitio máis atractivo.
-¿Coñece xa o proxecto «Do mar á terra», as iniciativas...?
-Si, será un dos puntos principais a tratar tamén. Penso que se fixo unha investigación moi potente nese sentido, pero quizais o máis complicado sexa trasladar todo iso ao día a día do establecemento que sexa, un restaurante, unha parrillada... O dificultoso é agora ese paso intermedio que hai, e é por aí por onde imos tirar.
-¿Ve que sexa factible?
-Si, pero creo que é unha carreira de fondo, cousa de catro ou seis anos, de que se afiance a marca, de que se impulse esta proposta diferenciada e honesta.
-¿Ten andado xa por esta zona?
-Co Concello de Vimianzo xa colaborei ha cousa duns cinco anos, e tamén a través da nosa empresa fixemos algunha actividade en Corcubión. Movémonos moito en temas relacionados coa gastronomía, sobre todo por Galicia e por Andalucía, porque alí vivín tamén, así que temos chegado a bastantes sitios: Corcubión, Vimianzo, Betanzos, Boiro, Rianxo, as grandes cidades...
-Polo que se ve queda moito camiño por andar. Hai produto, hai tradición, pero os expertos din que falta moito por facer...
-Para min tamén é así. O produto témolo, e a tradición tamén, aínda que segue habendo moitos tópicos. Produto e tradición tamén a teñen en moitos lados, así que o máis difícil é diferenciarse. Buscar unha imaxe diferencial, algo propio, e nese sentido si que se están facendo moitas cousas por Galicia, algunhas delas moi boas. Do que tratamos nós é de poñer unha dose de realidade en todo isto, para que ao final se lle poida quitar unha rendibilidade no caso dos establecementos, que en definitiva é do que se ten que tratar.
-¿Ten a impresión de que durante un tempo se mirou moito para fóra e agora tratamos de volver ao noso, ao que sempre estivo aquí?
-Mirábase para fóra e replicábanse as cousas tal cal, pero algo que funciona en Barcelona, por exemplo, que é unha cidade coas súas características, non ten por que funcionar na Costa da Morte. Hai que coller ideas, pero adaptándoas á escala e potencialidades que temos. Mesmo en sitios máis pequenos hai moito por onde ir, incluso cunha tradición menor, porque se pode explotar esa vía de sitio por descubrir, que conserva as súas particularidades. Recentemente estivemos cuns australianos pola Costa da Morte e eles vían esas potencialidades máis claras ca nós mesmos.
JORGE GUITIÁN GASTRÓNOMO
«Algo que funciona fóra non ten por que facelo aquí, hai que adaptarse á escala e potencialidades»