Fuerteventura


Volven os telediarios a falar das terribles viaxes das pateiras que, coma sempre por mareas, chegan ás costas do sur de España cargadas de moitos soños, algúns con final feliz, pero son os menos. Xa non arriban ás de Canarias, como ocorría ata hai dez anos. Foi xustamente no 2004, xusto un decenio atrás, cando me contaron que alí que moitas daquelas gamelas de seis metros e con 40 almas guiábanse polo mar coa luz do faro de La Entallada, no municipio de Tuineje, na beira duns cantís aos que hai que botarlle algo de peito co coche e rompen a mítica imaxe da illa de longas e finas praias de area, que tamén son certas, naturalmente. Aquel faro, aquela guía, fora electrificado por un fisterrán, Valentín Castreje, a finais dos 60. Quen ían pensar que tanto tempo despois marcarían o rumbo de quen busca unha vida mellor. Moitos acabaron nel, pero xa mortos, e houbo algún maxorero que lle chamou a ese punto a Costa de la Muerte.

Hoxe xa non chegan ata alí, porque os tempos mudaron, tamén as medidas de seguridade e control, e todos pasaron ao Estreito. Daquela era como un laboratorio da inmigración. Curiosamente, era nos mesmos anos nos que Fuerteventura estaba cheo de emigrantes da Costa da Morte. Cunha vida dura, si, pero ben mellor que a dos navegantes. A construción estaba espallada case por toda a illa, os choios sobraban, os empresarios contrataban a xente que estaba noutra obra pagándolle máis dun día para outro, os alicatadores e iesistas cobraban por metro cantidades mareantes. Peóns que chegaban a oficiais en tempo exprés. Había bares de galegos, puxeron un cruceiro, establecéronse moitas familias, a vida era boa, o clima excelente. Aqueles traballaron sacaron de apuros a moita xente de por aquí, nun tempo no que tamén houbera unha crise das boas, pero a memoria é moi selectiva e dende logo a última é moi superior. A nova Fuerteventura puido ser Suíza, pero alí hai menos area e fai máis frío.

Dez anos hai xa de todo aquilo, pero parece que pasaron moitos máis. E quen sabe se non volverán. Con máis xeito, pero igual volven.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Fuerteventura