O autor carballés publica un libro sobre os topónimos prerromanos galegos
17 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.Fernando Cabeza Quiles aporta un novo gran (máis ben, un cesto de millo bo) ao estudo da toponimia. En concreto, á galega, antiga e actual, de orixe celta. O título é ben claro sobre o contido, igual ca moitos nomes de lugar: A toponimia celta de Galicia. Un estudo amplo (máis de 500 páxinas), editado por Toxosoutos, que poderá mercarse nos vindeiros días, seguramente entre finais de mes e principios de setembro. A presentación será na Feira do Libro de Carballo. O volume, froito de moitos anos de investigación, interpreta nomes de lugar que estaban inéditos e que nin sequera contaban para o que chama «causa celta». Un dos máis significativos, Glandomiro, o actual Brandomil de Zas. Un dos moitos enclaves da Costa da Morte que proceden do período prerromano.
Cabeza Quiles (Ponferrada, 1953), ten xa moita obra publicada, científica e literaria. É licenciado en Filoloxía Hispánica e diplomado en Maxisterio.
-Xa leva moitos libros sobre a toponimia. ¿Que aporta este?
-Os anteriores eran de toponimia xeral, a prerromana tocábana moi pouco, e de feito serviron para descartar os topónimos celta. É a miña contribución á toponimia digamos menos prerromana, a que se pode estudar mellor, a máis moderna.
-¿Por que se interesou polo celtismo?
-Chamoume a atención que o negaran tanto. Eu estou coas causas perdidas, abúrreme facerlle a pelota ao poder. E reaccionei ao ver demasiada intención en negar o celtismo, que era como unha bandeira, un referente. O poder, se cadra ao principio, tomábao como un referente do nacionalismo.
-Pero non é exclusivo de Galicia.
-Algúns dicían que si, por exemplo Murguía. Para diferenciarnos. Eu non digo iso. Hai tres grandes áreas: Galicia, a Celtiberia (Soria, Cuenca, Guadalajara..) e Andalucía occidental.
-Pero se cadra os que negan a presenza celta si teñen razón.
-Non a teñen. ¿Que houbo moitos excesos dalgúns autores? Pode ser, pode ser. Pero hai un xerme celta. Eu mesmo era algo escéptico ao principio, ¡imos ver se hai ou non! E empecei a ver moitos topónimos celtas. Moitos desapareceron polo afán colonizador dos vencedores. Na investigación utilizo moita bibliografía inglesa e algo alemá para ver as correspondencias. Tanto en España como nos países do Arco Atlántico. E hai moitas similitudes e correspondencias.
-¿Queda moito en Galicia?
-A maioría da toponimia é latina. Pero si hai. Temos que ter en conta que daquela había moi pouca xente. Polo tanto, poucos lugares. E os romanos colonizaron e coidáronse de que se esquecera. Aínda parece un milagre que tras 3.000 anos aínda se conserven tantos. Os que máis, os acabados en bre. E vas a certos sitios e parece que aínda che transmite algo a terra.
-¿E na Costa da Morte? No sentido amplo, zonas limítrofes incluídas.
-Parece claro que a presenza celta nesta comarca é das máis altas de Galicia, das máis especiais, xunto con outras zonas, por exemplo o golfo ártabro, polo entorno dos municipios de Ferrol ou Cedeira.
-Empezando por Bergantiños, ou os nerios.
-Os bergantinos e os nerios debían de ser uns étnicos, subgrupo ou tribo dependentes da máis ampla ártabra. No libro explícase moito sobre eles.
-¿Que topónimos son claros, ou polo menos, bastante claros?
-Hai bastantes: Carantos, Neme, Nemiña, Anido, Bormoio, Bormoxoio, Cambeda, Carnés, Céltigos, Carantoña, o actual Brandomil, Dubra, Nantón...
-Ou Caión. Pero vostede prefire escribir Callón.
-Penso, a un 80 %, que debería ser Callón, con elle. Vén de calion, pedra, península rochosa. Similar ao actual Callobre, por exemplo.
«Eu estou coas causas perdidas, abúrreme facerlle a pelota ao poder»