«Sara do Sabelo»

Amparo Verdes

CARBALLO

17 may 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Neste día tan fermoso, reunidos, familia, veciños e amigos dedicamos o Día das Letras Galegas a homenaxearte en Neaño, Cabana de Bergantiños. Mestra de artesanía e cultura galega, traballadora incansable, ninguén o ten máis merecido, pola dedicación de tantos anos, sempre disposta para toda clase de actividades: tecedeira, palilleira, pandereteira e cantareira, teatro, poesía, bailes de salón, xotas e muiñeiras.

Presidenta da Asociación Cultural e Artesanal do Liño Santo de Pólvora, ensinaches a nenos e mozos a arte de sementar, mallar, tascar ou tecer o liño, palillar, bailar, tocar a pandeireta, lembrar e recoñecer o labor cotián dos noso maiores.

A asociación cultural O Fol, da que ti sempre formaches parte importante, escenifica co seu grupo As Fiandeiras unha fiada con cantares de Saturnino Cuíñas Lois, amante do folclore galego, fiadas que reunían os veciños e que, cantando regueifas, traballaban e divertíanse.

Representamos esa fiada orgullosas, orgullosas de ti, que transmites arte, a nosa enciclopedia, sempre aportando con ilusión, ansia de que non se perdan os legados da nosa cultura. Máxica a xente coma ti, que traballou duro toda a súa vida, formou unha gran familia querida e respectada, e ten tempo para dedicar os demais.

Deus te bendiga Sara, xa que te deu tan salerosa, paraíso de xuventude e ledicia, gran persoa e mellor amiga, mestra da cultura e artesanía.

¡Grazas Sara!

Unha aperta.

A asociación cultural O Fol de Neaño (Cabana).