Barcos de papel

CARBALLO

Todos temos esas cousas que nunca se esquecen, e que case sempre son o primeiro algo: un suspenso, unha morte na familia, unha viaxe, aquela despedida, un amor que non o era. Un bico con lingua, outro sen ela. O resto. Un día que preferías que te tragase a terra, ou ese no que chegaches á casa feliz porque fuches o rei na clase. O accidente de bici. O da moto. A cornada por facer o parvo. Como se vai olvidar aquela vez que viñas da festa, adolescente, o ceo estaba tan claro que coñecías as constelacións sen telas aprendido nunca, e a compañía vagaba entre os regos de millo do cadullo, cando aínda é pequeno e está sen acolar.

Claro que te lembras deses detalles. Son o ABC do ADN.

Tamén do primeiro artigo, aquel no que opinaches por primeira vez de algo.

Fora tal día coma hoxe, hai 20 anos. Maldito tempo que corre tanto, daquela parecía que quedaría para sempre cravado nos vinte.

Aquel textiño, 6 de xaneiro do 94, falaba dos Reis da infancia. Vistos xa con ollos de maior, como de despedida eterna para unha etapa que pasaba. Era, coma hoxe, unha xornada de cheas. Chovera moito o os ríos desbordaban. Mares de herbais de cor gris escuro, océanos de auga doce que tan axiña veñen como se van.

Naqueles mares, lembraba, algún día de Reis tiña botado a navegar os barcos de papel, soñando con que chegasen á Ponte do Porto, meta natural. Dos tempos en que non había regalos, porque tampouco había nin cartos nin costume. Era un xeito de espelir a imaxinación e de xogar algo, como facían na tele. Tamén era unha mirada ao futuro: isto xa non vai volver, pensaba. Non podía: todo era progreso e fartura, os regalos empezaban a chegar, o noso era un pasado melancólico.

Claro que si.

Miro agora os datos das entidades solidarias que recollen xoguetes para os cativos de familias sen medios e vexo máis ca nunca. Impensable, hai nada. Incrible.

Que haxa Reis para todos. os barcos de papel, outro día.